Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello investirán medio millón de euros no proxecto de urbanización e humanización da Avenida Ría de Ribadeo, un dos principais accesos á vila. Fernando Suárez asegurou que “hoxe é un día moi importante para Ribadeo”

IMG_6220Ribadeo, 27 de outubro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que hoxe é un día moi importante para este concello, xa que a Deputación de Lugo aportará 380.000 euros para o proxecto de urbanización e humanización da avenida Ría de Ribadeo. O Concello achegará outros 131.000 euros para unha obra que contempla, entre outras cousas, a construción de beirarrúas (onde non existen), a colocación de árbores así coma o soterramento das torres de media tensión. O rexedor agradece esta nova axuda da Deputación Provincial.

Suárez Barcia manifestou que “hoxe é un día moi importante para Ribadeo, sobre todo para un dos accesos principais que ten a vila, que é a avenida Ría de Ribadeo, que pasa polo barrio de Vilar, pola zona comercial e que se adentra no casco urbano. Desde hai anos estamos moi preocupados máis aló da súa necesaria humanización, dado que se encontra bastante descoidado pois hai liñas de medias de tensión e outros elementos que non o fan merecedor de ser unha entrada bonita e elegante dunha vila. Pero máis aló diso preocúpanos moito a seguridade viaria, pois é unha zona onde hai moito tránsito de vehículos e ao mesmo tempo moita circulación de peóns, sobre todo nestes últimos anos a xulgar pola enorme cantidade de centros comerciais e de servizos (de supermercados, hipermercados, talleres, etcétera) que hai ao longo de toda esa avenida Ría de Ribadeo”.

E engadiu que “é moi frecuente ver a persoas andando con bolsas da compra, cruzando por onde non deben, que realmente é por onde poden porque non está nada clarificado o lugar para que circulen os peóns e o destinado aos vehículos. De aí que no Concello levamos meses traballando nun proxecto moi ambicioso para o que lle acabamos de pedir apoio económico á Deputación, que é a única institución potente de verdade que se acorda de Ribadeo unha vez máis. Para este proxecto ambicioso que redactou o Concello de Ribadeo e que ciframos nun chisquiño do medio millón de euros a Deputación vainos outorgar 380.000 euros”.

O alcalde ribadense dixo que “é unha aposta moi importante pola seguridade pública, pola humanización e polo adecentamento dunha das vías máis importantes de acceso á vila. Contemplase o soterrado destas liñas de media tensión, a plantación de numerosas árbores nas dúas marxes, a creación de beirarrúas alí onde non están definidas actualmente, a creación de pasos elevados para que os pasos de peóns poidan ser seguros e unha ordenación de toda esa zona para a seguridade dos viandantes e para o embelecemento e humanización de Ribadeo en xeral”.

Suárez Barcia tivo palabras de agradecemento para a Deputación Provincial de Lugo: “reitero pois as grazas á Deputación, dado que os recursos son públicos, son de todos, pero unha vez máis acórdanse de Ribadeo cando outros non se acordan máis que para mal”.

Exit mobile version