Campos Conde subliñou que “esta décima edición do Congreso resulta especialmente relevante polo delicado momento que atravesamos hoxe en día na procura dun Pacto pola Educación, que aglutine esforzos e unifique criterios, para establecer o modelo educativo do futuro. Dende a Deputación de Lugo estaremos encantados de seguir colaborando con este tipo de iniciativas que contribúen á mellora da ensinanza pública e universal, fomentando a cultura do esforzo”.
O titular provincial destacou que “a formación continua dos docentes e inspectores e unha adaptación á nova realidade social e tecnolóxica, son necesidades inmediatas polas que atravesa a comunidade educativa. De aí a importancia da organización deste tipo de encontros, debido ao papel fundamental dos inspectores de asesoramento aos centros educativos”.
Pola súa parte, Méndez López destacou a importancia deste congreso “para visualizar o traballo” dos inspectores de Educación, “que aínda en moitos casos se asocian a termos pexorativos de vixilancia, cando se trata de todo o contrario, de controlar para mellorar”.
Méndez tamén incidiu na oportunidade de reciclaxe que supón este encontro nun eido esencial, como a educación, pois “unha sociedade que non inviste en educación non cre na igualdade de oportunidades”. “Nada nos fai máis iguais a todos que a formación e a educación”, asegurou a rexedora, ao tempo que desexou que as conclusións do congreso “revertan positivamente na sociedade”. A Alcaldesa aproveitou así mesmo para desexar unha boa estancia aos participantes, aos que convidou a gozar da cidade, do seu pasado romano, “que se pode atopar a cada paso”, dos seus tres patrimonios da humanidade –a Muralla, a catedral e o Camiño Primitivo-, do Vello Cárcere e das festas de San Froilán.
Formación e contido
O X Congreso de Inspectores de Educación de Galicia é un Congreso organizado pola AIEG (Asociación de Inspectores de Educación de Galicia). O seu obxectivo é a formación de Inspectores e Inspectoras no desempeño da súa actividade profesional. O encontro, que se celebra cada dous anos, volve a ter lugar na capital luguesa despois de que xa se tivera celebrada a terceira edición na cidade de Lugo.
O contido deste Congreso trata de conxugar aspectos de absoluta actualidade, como é o relativo ao Pacto social pola Educación, con outros particularmente técnicos, situados no día a día da profesión inspectora e a supervisión.