Dito isto, e facendo unha reflexión o máis serea posible que me permite escribir a un de outubro, non cabe dúbida de que en só dous anos a comparación entre a xestión territorial de UK con Escocia e España con Cataluña é certamente abismal.
Londres aceptou un referendo, cunhas enquisas que amosaban unha feble distancia en favor do si á independencia. Arriscou e gañou. Ao día seguinte de aceptalo, creou a plataforma “Better together” na cal se daban razóns para que os escoceses optasen por continuar unidos.
Aportaron datos, argumentos políticos e económicos que apoiaran esa opción. E foron dándolle a volta á intención dos escoceses para conseguir, contra pronóstico, que o resultado (malia que axustado) fose por continuar dentro do estado.
Non entro en valorar si escoceses e cataláns acertan ou non coa independencia. Analizo sen máis a xestión dos gobernos centrais para con senllos asuntos (non quero chamalos conflitos, nin moito menos desafíos) territoriais.
Que temos en Madrid? A un PP en estado puro aplicando a “non-política” vestida de legalidade interesada e sesgada. Cales foron os argumentos POLÍTICOS do PP e o seu universo centralista para explicar aos cataláns as razóns de que nun mesmo estado sairiamos todos gañando? Nin están, nin se lles agardan.
Só a forza, a posición dominante e o uso dos corpos de seguridade (do estado) contra as papeletas.
As imaxes que hoxe puidemos ver (grazas en boa medida a medios estranxeiros) do que sucedeu neste 1-O quedarán para a vergonza do PP por moito tempo.
E agora que? Pensa Mariano Rajoy que as cargas policiais e a retirada pola forza das urnas apagou as ganas de decidir dunha sociedade?. Todo o contrario. Agora mesmo o independentismo catalán subiu moitos puntos. Xente que non o tiña claro ou que en principio quería depositar o seu “non”, trocarían de parecer trala xestión totalitarista e propia de tempos pasados dun goberno incapaz de dialogar e buscar vías de entendemento.
Rajoy chegou a onde chegou agardando e saíulle ben, ata agora. Un escenario como o que se proxectaba precisaba de cintura e argumentos máis aló do “non podedes”, “é ilegal”.
E que pensarán os que coreaban ás forzas de seguridade que partían cara Cataluña ao grito de “A por ellos oé!”. Están felices vendo a señoras de avanzada idade coa cabeza aberta dun porrazo?. Prefiro non meditar a resposta. Estou seguro que todos eles (ou a maioría) quedaron vendo telecinco mentres un goberno corrupto lles recortaba todos os seus dereitos, daquela non tiveron folgos de saír á rúa.
London 1-Madrid 0. Vitoria incontestable da “pérfida Albión”. Se acaso na diferenza da xestión do tema territorial entre uns e outros, está o papel que xoga na historia contemporánea Gran Bretaña e España. Moleste a quen moleste.
E como un deja vu, vinme collendo da discoteca o Barcelona Gener 1976 de Lluis Llach. Entre as fotos non está Rexach, estaría agora Piqué, máis o pasado retorna como un triste bucle.
“Que non quero agardar que sexa agora.
Agora que podo sentir o peso de tanto horror.
Que non me doe ter a boca pechada,
sodes vos quen facedes do silencio palabras”.