Neste senso, Ana María Díaz trasladou que o departamento que representa é consciente da importancia que teñen para o sector as axudas para a reparación dos danos, polo que se continuará coa axilidade nas súas concesións e revisaranse, se procede, os baremos actuais, co fin de establecer axudas para os gandeiros máis xustas e no menor tempo posible.
A previsión é, tamén, actualizar o Plan, especialmente no relativo á zonificación do seu ámbito de aplicación e ás medidas de xestión, polo que se actualizarán ás zonas establecidas na planificación tomando como base o último censo da especie, elaborado no período 2013-2015, xunto coa información recompilada ao longo dos anos, e que poñen de manifesto que as circunstancias variaron nos últimos 9 anos.
Por último, a directora xeral reiterou a aposta da Xunta de Galicia por seguir traballando na senda da prevención dos danos, pois a longo prazo resulta máis rendible que investir só en danos, e recordou a liña de axudas destinadas especificamente á prevención de ataques, dotada con 400.000 euros para a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos e mallas electrificadas. Tamén se mantiveron as axudas para paliar os ataques á gandería e que este ano está dotada con 380.000 euros, un 6% máis que no 2016.