A presentación da que ostenta o cargo de ser a festa máis antiga de Galicia e unha das que conta con máis tradición en toda Europa, celebrouse na Aula Gastrocultural da Praza de Abastos de Santiago de Compostela. O presidente da asociación manifestou un ano máis a súa ilusión pola presentación destas festas na capital de Galicia xa que As San Lucas son “sen dúbida, de todos os galegos e galegas e ocupan un lugar destacado dentro do noso rico patrimonio” ao que engadiu que a combinación de feira, festa, arte e cultura “imprégnalle ás San Lucas un carácter propio que non comparte con ningunha outra cita similar, polo que queremos que as galegas e os galegos, se sintan orgullosos de ter unha das feiras mais antigas de Europa, que as desfruten e as sintan súas”.
As San Lucas, unha festa con máis de oito séculos de historia
Pola súa banda, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, puxo en valor que As San Lucas manteñen a esencia dunha feira cabalar que suma máis de oito séculos de historia. Neste 2017, cómprense 861 anos dende que no 1156 o Rei Afonso VII, concedese a Mondoñedo o título de Cidade e o dereito a celebrar unha feira anual, dando lugar á orixe das San Lucas.
Elena Candia agradeceu que “ano tras ano dende 1156 se celebren as feiras das San Lucas, grazas a que todos os visitantes e feirantes, xunto aos mindonienses, seguen sendo fieis as súas tradicións, e así o transmiten de xeración en xeración, permitindo que unhas festas singulares e con carácter propio que saian ano tras ano adiante, medrando en público”. Polo tanto, dende aquí queremos convidarvos a participar das nosas feiras e festas, un dos bens máis prezados da nosa cidade”, manifestou a rexedora.
Programa de As San Lucas 2017
Miguel Souto foi o encargado de dar a coñecer o programa das San Lucas 2017 que, “como repito ano tras ano, funden unha tradición que se mantén viva no tempo con novas incorporacións ao cartel; co que queremos dar resposta ás expectativas tanto dos máis maiores, como dos máis mozos e pequenos”.
As San Lucas celebraranse entre o próximo martes 17 e o domingo 22 de outubro. No que respecta ao seu eido máis tradicional, Souto explicou que, o día grande, o 18 de outubro, será a gran feira na que centos de reses chegadas de todo o noroeste peninsular daranse cita dende ás oito da mañá no Campo da Feira e repartiranse importantes premios. Ademais, engade o presidente da asociación organizadora, o día 17, dáse un momento dentro da programación das San Lucas que “causa moita expectación, unha das mellores estampas das festas. A chegada dos cabalos polas rúas de Mondoñedo como dende 1156 cara o campo da feira para ser vendidos”. Será a partir das seis da tarde e ao igual que en pasadas edicións, haberá unha pantalla xigante na Praza da Catedral a través da que se poderá ver en directo o proceso que seguen os gandeiros para reunir aos animais que viven no momento e baixalos ao centro de Mondoñedo.
Souto recorreu ás palabras do pregoeiro deste ano das Feiras e Festas das San Lucas, o escritor e xornalista, Miguel-Anxo Murado, que ten escrito en numerosas ocasións sobre a súa fascinación pola cidade, para definir o que significan estes dous momentos das San Lucas. “Murado definiunas como a apoteose lírica do cabalo galego e cualifica a chegada das greas á cidade como un espectáculo grandioso”.
Durante catro dos seis días da programación, tamén haberá outras actividades que teñen ao cabalo como protagonista como son o concurso de andadura galega, os concursos morfolóxicos de cabalos e eguas de pura raza galega ou o concurso de cabalos trotóns.
Toda esta programación, que ten o cabalo como epicentro, completase con demostracións de deportes tradicionais, traballos con motoserra, xunto á exhibición de poda en altura, ao que se suman monólogos, teatro na rúa e malabares, entre outros espectáculos. Ademais, este ano unha das novidades que inclúe a programación é unha exposición de tractores clásicos, “que poderíamos chamar volta á orixe, xa que moitos deste vehículos agrícolas foron vendidos nas San Lucas dos anos 50 e 60 do pasado século”, explica Souto. Esta actividade comezará cunha ruta entre Abadín e Mondoñedo de tractores clásicos, coa colaboración da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMEC). O acto de recepción da caravana será o sábado 21, ás 13:30 horas no Campo da Feira.
Ademais de tradición, As San Lucas son cultura. Dende a organización precisan que “sempre buscamos poñer en valor o patrimonio cultural de Mondoñedo”. Con este obxectivo e coincidindo tanto co centenario da homenaxe organizada ao músico mindoniense Pascual Veiga polas Irmandades da Fala da Coruña e polo Coro Cántigas da Terra como cos cen anos da constitución das Irmandades de Mondoñedo,-22 de outubro de 1917-; o domingo 22 de outubro, dentro da programación das San Lucas celebraranse dous actos, un en homenaxe ao autor da música do himno de Galicia e outro evento público dedicado ás Irmandades da Fala polo centenario da súa fundación.
Tamén se fallará o mesmo domingo 22 de outubro, o premio literario Mondoñedo 10, creado pola Asociación As San Lucas en colaboración con colectivo mindoniense Mondoñedo É, esta edición na modalidade de poesía.
Por último, Souto precisou que ademais de tradición e cultura, As San Lucas son festas. Entre a programación deste ano, figuran o grupo Medina Azahara que actuará o sábado 21 de outubro na Praza da Catedral a partir das 23:00 horas. Ademais, o mércores 18, ás 21:00 horas, celebrarase tamén na Praza da Catedral o concerto do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo. Tamén, o domingo 22, na Praza da Catedral será o Encontro Folclórico, que este ano conta coa participación dos catro coros centenarios galegos: Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Santiago e Toxos e Froles de Ferrol. E no campo da festa da localidade estarán as mellores orquestras de Galicia. O día 17, actuarán Panorama e Grupo Beatriz; o 18, Palladium e Satélites; o 19, New York e Miramar; o 20 será o concerto da iniciativa Voces da Paula (un concerto de cantantes de Mondoñedo) e poñerán música tamén a Principal e a Gran Parada; o 21, D,moda e Pontevedra e o 22, a orquestra Jerusalén.
Ademais, por suposto, Souto engadiu que “non podemos esquecernos da nosa comida, do polvo e dos pratos típicos que se poden degustar na Alameda dos Remedios todos os días das San Lucas”.