Site icon Crónica3.com A Mariña

O 27 de outubro haberá pleno extraordinario no concello burelés. Na sesión someterase a aprobación unha modificación de crédito por importe de 50.000 euros e a creación da figura da Mancomunidade para o abastecemento de auga de Cervo e de Burela, en substitución do consorcio que viña funcionando ata o de agora

Burela, 25 de outubro de 2017. Este venres, 27 de outubro, haberá pleno extraordinario a partires das 10:30 horas no Concello burelés. Tres puntos compoñen a orde do día: a comunicación oficial do falecemento do edil Ramón Vázquez Andrade, unha modificación de crédito por importe de 50.000 euros e tamén o cambio da figura pola que se rexerá o abastecemento de auga de Cervo e Burela, que será unha Mancomunidade en lugar dun Consorcio, tal e como viña sucedendo ata o de agora.
O alcalde, Alfredo Llano, contou que “imos dar conta do falemento do compañeiro Ramón Vázquez Andrade, ocorrido hai unhas semanas. Oficialmente hai que cubrir a súa praza, é un requisito que hai que cumprir agora mesmo para seguir co procedemento para nomear ao seu substituto, que vai ser Carmen Chumacero. O primeiro paso é este, calculamos que o seguinte paso vai ser no pleno ordinario que se vai facer no mes de novembro e xa aí tollería posesión a nova concelleira”.
O rexedor burelés relatou que “aproveitando que xa hai un pleno extraordinario tamén metemos outro punto que é a modificación de crédito do orzamento porque agora que asinamos un convenio co Consorcio de Igualdade e Benestar para as escolas infantís, temos que cubrir economicamente os prazos do 2016-2017 correspondente á nosa escola infantil antiga. Ao Concello correspóndelle abonar 50.850 euros do primeiro pago, este ano hai que facer dous pagos con respecto ao curso 2016-2017 da escola infantil que xa tíñamos en marcha. Polo tanto temos que facer unha modificación de crédito para asumir este gasto”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén aproveitamos para a incoación do expediente de constitución dunha Mancomunidade de Municipios entre Cervo e Burela para acometer temas do abastecemento de auga que estamos compartindo. Ata o de agora había unha modalidade administrativa para levar adiante entre os dous concellos a xestión da auga de Cervo e Burela, e esta fórmula xa non se contempla agora, entón hai que acometer novos modelos e o que mellor nos pareceu foi o da Mancomunidade. Imos establecer a Mancomunidade entre os dous Concellos para formalizar os estatutos e poñer a funcionar esta nova modalidade administrativa e xurídica para xestionar o tema do abastecemento da auga de Cervo e Burela. É algo que tamén ten que facer o Concello de Cervo, no que xa loxicamente estamos de acordo en facelo os dous, e imos ir dando os pasos para ver se é posible que xa este ano 2017 poidamos empezar a xestionar a auga a través da Mancomunidade dos dous Concellos”.

Exit mobile version