Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz aclara que o Concello cumpre a legalidade ao aplicar a revisión catastral

Foz, 17 de outubro de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, sae ao paso das declaracións do PSOE sobre a revisión da aplicación catastral. O rexedor aclara que o Concello focense cumpre coa legalidade, como fan os demais municipios nos que houbo esta revisión, concellos que son de todas as cores políticas.
“Desde o equipo de goberno de Foz queremos responder ás declaracións do portavoz do Partido Socialista nas lle solicita ao equipo de goberno que non aplique as liquidacións resultado das últimas revisións catastrais, manifestación nas que nos acusa, ao alcalde concretamente, de afán recadatorio. Eu creo que o Partido Socialista non pode darnos leccións políticas neste senso, porque cando foi no seu momento goberno de Foz foi apercibido innumerables veces polo interventor de que estaba deixando voluntariamente de recadar impostos e que estaban damnificando, como así foi, as contas municipais”, manifestou o rexedor municipal.
Javier Castiñeira puntualiza que “o que está facendo o goberno do Concello de Foz é cumprir coa legalidade. Houbo unha revisión do catastro que detectou que había construcións que non estaban dadas de alta, déronse de alta de oficio e a lei dinos que se deben cobrar os catro últimos anos posto que o demais estaría prescrito. Non é que o estea facendo o Concello de Foz, é que o están facendo todos os concellos que fixeron a revisión catastral, algúns deles xa o teñen feito, pero de todos os partidos políticos: algúns gobernados polo Bloque Nacionalista Galego e outros polo Partido Socialista; ou sexa que non é unha decisión de cor política nin dun alcalde, senón que simplemente é de cumprimento da legalidade”.
O alcalde de Foz engade que “aqueles que fixeron ben as cousas e teñen todo ben, dado de alta, non van ter ningún problema; e aqueles outros que, de forma voluntaria ou involuntaria, moitas veces por descoñecemento de que certas construcións se deben dar de alta no catastro, non o tiñan feito pois fíxoselles de oficio e agora o Concello vese obrigado a cobrar a estes contribuíntes todo aquilo que non pagaron de oficio”.
Castiñeira dille ao portavoz do PSOE: “señor Linares, non admitimos leccións do PSOE respecto á recadación que se está facendo, tamén co bo traballo do Servizo de Recadación da Deputación de Lugo. O señor Linares é funcionario de Facenda e no seu servizo todos aqueles impostos que deben cobrarse non creo que se deixen de cobrar segundo lle apeteza ao político de turno. Eu creo que esas non son as formas. Non podemos entrar nun debate demagóxico, como pretende o Partido Socialista, e todos aqueles impostos que sexa obrigado recadar hai que facelo con seriedade e, loxicamente, dándolle aos veciños a posibilidade de defenderse, pero tamén a seguridade xurídica de que aqueles que pagan están protexidos e aqueles que non o fan dunha forma ou doutra terán que facelo posto que para iso está a administración”.

Exit mobile version