Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz anuncia que a vindeira semana a Avenida da Mariña abrirase ao tráfico só para residentes, carga e descarga e usuarios de aparcamentos. E o Concello acaba de recibir o proxecto para a remodelación da Rúa Álvaro Cunqueiro

211017 O ALCALDE DE FOZ CO PROXECTO PARA A REMODELACIÓN DA RÚA ÁLVARO CUNQUEIROFoz, 21 de outubro de 2017. O Concello de Foz ven de recibir o proxecto para a remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro e o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, espera que poida iniciarse a comezos do 2018. O presuposto total ascende a 1.280.000 euros. Ademais o rexedor focense anuncia que unha vez rematadas as obras na avenida da Mariña, abrirase ao tráfico a vindeira semana pero só para residentes, carga e descarga e usuarios de aparcamentos. A medida ten en principio carácter provisional e Castiñeira di que “se vai dar protagonismo ao peón nesta vía”.
O alcalde anunciou que o Concello de Foz acaba de recibir “o proxecto de execución definitivo da obra na rúa Álvaro Cunqueiro. Hai un proxecto integral de remodelación do núcleo urbano de Foz. A primeira fase está feita e ven de ser rematada esta semana, que é a da Avenida da Mariña. A segunda fase debería comezar unha vez que estea supervisado este proxecto que vimos de recibir para a rúa Álvaro Cunqueiro e pase xa ao período de licitación. Están previstos uns prazos máis ou menos aproximados de inicio desta obra posiblemente para primeiros de ano, moi probablemente para despois do Nadal”.
Javier Castiñeira salienta que “este proxecto ten un presuposto total de arredor de 1.280.000 euros, no que podería ser licitada esta obra, dos que financia 700.000 a Deputación de Lugo e 600.000 euros o propio Concello. Contempla facer unhas obras de reorganización nas que os acabados serán moi similares aos da avenida da Mariña. Ademais instalarase unha nova rede de pluviais, substituirase tamén a rede de alcantarillado e a de auga potable. Polo tanto é unha obra de bastante envergadura. A día de hoxe están analizando os técnicos municipais o proxecto que elaborou a asistencia técnica e intentaremos sacar a licitación o antes posible”.
Ademais o rexedor focense manifestou que “a avenida da Mariña está rematada e o Concello decidiu abrila moi probablemente antes do fin de semana que vén, imos dar un marxe para a semana que vén tomar unha serie de decisións. Pero eu creo que o que temos todos claro é que imos abrir soamente para residentes e para carga e descarga, e loxicamente tamén para usuarios que teñen aparcamento na propia rúa, pero os demais deberemos circular pola rúa Álvaro Cunqueiro en dobre sentido”.
Javier Castiñeira puntualiza que “esta decisión tómase de forma provisional durante estes dous ou tres meses que vai durar a licitación, e unha vez empece a obra na rúa Álvaro Cunqueiro tomaranse as decisións que sexan necesarias. Se hai que abrila ao tráfico por necesidade da circulación e das obras decidiremos facelo, pero nese momento. Agora imos dar un marxe a esta vía con protagonismo para os peóns”.
O alcalde subliña que “non se poderá aparcar nas zonas que había reservadas, só en carga e descarga para os vehículos autorizados, e só poderán pasar os vehículos de residentes e de usuarios de aparcamentos, como os dos dous supermercados que hai na avenida da Mariña e nas cercanías, que necesitan acceder por esas zonas. Como dicía o presidente da HACIA, a rúa ten que falar por si soa e eu creo que esa a liña que debemos establecer. Debemos darlle unha oportunidade, sobre todo agora que vai empezar dentro de pouco a campaña do Nadal. Eu creo que para todos é unha ilusión ver como esta vía, que está funcionando case como unha praza do pobo, vai tendo un efecto chamada para peóns, comerciantes e compradores. Eu creo que é unha boa oportunidade durante estes meses da época de Nadal ver como funciona”.
Castiñeira quere “aproveitar para dicirlles a todos os usuarios que teñan precaución nestes días de inicio e que a vía só estará aberta ao tráfico para usuarios de aparcamentos, residentes e para carga e descarga. O sentido de circulación será sempre desde a Casa da Cultura dirección a Burela e as rúas de saída serán García Lorca e Xoán Montes ou pola glorieta de Vilalba. O sentido do tráfico será sempre de Ribadeo cara a Burela”.

Exit mobile version