Site icon Crónica3.com A Mariña

O arquivo histórico de Lugo ofrece un percorrido pola provincia a través de imaxes das súas feiras e mercados

20171031porfeirasemercados2Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017.- O Arquivo Histórico Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un percorrido pola provincia de Lugo a través de fotografías antigas das súas feiras e mercados, realizadas durante o século XX. Por feiras e mercados: Ver, mercar, vender… é o título do novo proxecto expositivo do Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPL), que será inaugurado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta tarde ás 19:00 horas.
A mostra recupera o papel das feiras como impulsoras tanto da vida económica como social das vilas onde se celebraban, ao tempo que constitúe unha manifestación importante para a antropoloxía, pola rica información que se extrae acerca de tradicións, cultura popular ou arquitectura específica.
Cen anos a través de feiras e mercados
A exposición está composta por 60 fotografías en branco e negro e apóiase con varios documentos que amosan o xeito en que se organizaban as feiras e mercados a principios do século XX. As imaxes proceden de negativos propiedade do Arquivo Histórico Provincial de Lugo e van do ano 1914 ata 1986.

As transaccións de gando, nomeadamente do gando vacún, a figura do tratante, o comercio arredor de produtos agrarios, como patacas, cebolas, queixos etc.; e a venda de calzado e de olería conforman o eixo central desta exposición arredor das feiras tradicionais en Galicia, que, xunto coa función económica, desenvolveron un importante papel para a vida social, como punto de encontro e de lecer das xentes do medio rural. Neste sentido, a mostra tamén inclúe diversas estampas que chaman a atención sobre o protagonismo do polbo nestes eventos, preparado “á feira”, xunto con todo o que rodea esta tradición, como os pendellos ou as polbeiras.

Con esta nova exposición, que se pode visitar ata o próximo 31 de xaneiro de 2018, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo contribúe á posta en valor do patrimonio documental e á difusión social dos seus fondos.

Exit mobile version