Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela non entende a cesión dun local municipal á Federación Galega de Fútbol

Burela, 10 de outubro de 2017. Esta pasada semana facíase pública a firma dun convenio entre a Federación Galega de Fútbol e o concello de Burela. Un convenio que foi aprobado no pleno do pasado 2 de Febreiro coa oposición dos dous concelleiros do BNG.
Dende a organización frentista consideran que non é de recibo que o concello proceda á desafección dun inmoble previa solicitude da FGF, mentres que non ten previsto dotar ós colectivos locais de espazos para levar a cabo a súa actividade que o precisan. “Fai moitos anos que as asociacións da vila demandan mais espazos para desenvolver o seu traballo e sempre que o solicitan a resposta por parte deste e do anterior goberno é a mesma, que non existen locais libres. Parécenos unha falta de respecto cara esas entidades, con moitos menos recursos que a FGF, que agora o concello faga os trámites pertinentes para ceder esas oficinas” indicou Mario Pillado, voceiro do BNG.
Ademais diso, a FGF ten causados problemas para o funcionamento de varios clubs da vila, concretamente na tramitación das fichas, discriminando ós rapaces de orixe estranxeira. “A FGF incumpre os seus propios estatutos, que figuran na documentación que entregou no concello, onde se recolle que non acepta ningún tipo de discriminación por nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou outras condicións, ó non tramitar as licenzas federativas destes rapaces do mesmo xeito que o fai co resto de nenos nados en Galiza” salientou Pillado.
Non se entende como o concello tarda oito meses en formalizar o convenio.
Algo que tampouco semella razoable, segundo o BNG, é que despois de aprobar en Febreiro un convenio no que o goberno municipal vendeu uns grandes beneficios para os clubs deportivos da vila, non se formalice o mesmo ata o mes de Outubro. “Entre os meses de Agosto e Setembro os colectivos deportivos tramitan tódalas licenzas e seguros que precisan para competir, se a delegación da FGF en Burela estivese aberta, calquera dúbida ou problema se resolvería de contado na delegación, ou iso é o que o goberno socialista nos dicía” comentou o voceiro do BNG. “Sobre todo, coa problemática en torno ó Fútbol Sala, na que este acordo entre o Concello de Burela e a FGF non serviu de nada” continuou Pillado.
Sobre os cursos que se anunciaron na prensa, “é moi difícil de explicar como tendo a delegación en Burela e o CD Burela FS como referente na Mariña, o curso de monitor de Fútbol Sala se vai levar a cabo en Mondoñedo” finalizou o portavoz do BNG.

Exit mobile version