Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG exíxelle a Daniel Vega que pida desculpas públicas a todas as persoas que defenden a sanidade pública na comarca

A Mariña, 7 de outubro de 2017. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña saiu ao paso das declaracións verquidas polo deputado do Partido Popular, Daniel Vega; exixíndolle unha rectificación pública e que pida desculpas a toda a xente que insultou, con unhas declaracións totalmente fóra de lugar, por terse manifestado na defensa da sanidade pública na Mariña e contra a política sanitaria do PP.
“É absolutamente bochornoso que quen pretende ser representante desta comarca faga declaracións desa baixeza moral e intelectual. Se non ten argumentos para defender o que están facendo desde a Xunta coa sanidade, que quede calado; pero o que non imos permitirlle é que insulte e falte ao respecto a miles de persoas que o único que fixeron foi manifestar publicamente o seu rexeitamento e o seu cabreo polo que está a acontecer coa sanidade na Mariña”, asegurou a responsable comarcal, Ana Ermida.
Desde a formación nacionalista aseguran que a reacción “é propia de quen, ante a falta de argumentos ten que recurrir ao insulto e á falta de respecto para facerse ver.”
Ana Ermida manifestou que “ese señor está cobrando o seu salario de todas e todos nós e o mínimo que debe ter é educación e ser consciente do lugar que ocupa. E se non ten a capacidade para discernir cando está exercendo de representante público e cando está na taberna, que deixe o posto”, afirmou.
O BNG tacha de irresponsable a actitude de Daniel Vega e e exíxenlle desculpas inmediatas. “Sabemos que el se debe ao PP antes que ás veciñas e aos veciños da Mariña. Vale que prefira manter o seu posto ao prezo que sexa. Pero o que non imos permitir é que lle falte ao respecto así a toda unha comarca que, pacificamente, amosou na rúa o seu rexeitamento aos plans sanitarios do PP.”
“A estes son aos que se lles enche a boca falando de democracia e despois pensan que a democracia é votar cada catro anos e que iso lles dá carta branca para facer o que queiran. E non. Por moita maioría absoluta que teñan, non poden ignorar o xentir da xente”, manifestou Ana Ermida. “Que deixen de ningunear a gran parte das veciñas e veciños, porque tamén neste tema hai unha maioría silenciosa contraria aos plans do PP, que non a mencionen só cando lles interesa”, afirman.
Desde o Bloque Nacionalista Galego lembran que non é a primeira vez que este señor que di representar á Mariña falta ao respecto a esta comarca, “como cando anunciou que ían crear unha praza de enfermeiría oncolóxica no Hospital de Burela que finalmente non van crear”, lembran. “Agora anuncian que van instar ao propio PP a manter a autonomía dos hospitais comarcais. Para iso o que teñen que facer é retirar o anteproxecto de modificación da LEi da Saúde e deixar de facer propaganda que despois, coma o anuncio da praza de enfermería oncolóxica, queda en papel mollado.”
“Poden seguir aferrados na súa torre de cristal, pensando que están por riba do ben e do mal; pero o que non poden é seguir ignorando o que pensa a xente nin tratar de despestrixiar a toda a cidadanía colgándolles etiquetas.”
Desde o BNG parabenizan á Plataforma na Defensa da Sanidade Pública polo traballo divulgativo, de información e mobilización realizado e agradecen a toda a cidadanía -de todos os concellos, idades e ideoloxías (xa que a ninguén se lle pide nin se expide ningún carné)- que se mobilizou e a moita outra que, por diversos motivos non puido estar, que baixo a bandeira común de defensa da sanidade pública na comarca da Mariña están facéndolle fronte á política sanitaria do PP.

Exit mobile version