Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela asinou o convenio de cesión dun local na Rúa do Río á federación galega de fútbol

061017 Foto convenio futbol 1Burela, 6 de outubro de 2017. O Concello ven de asinar o convenio para a cesión dun local na rúa do Río á Federación Galega de Fútbol. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, subliñou a importancia deste acordo para Burela e para os clubs.
O edil burelés anunciou que “procedemos á firma do convenio de cesión do local na rúa do Río á Federación Galega de Fútbol. Na firma estábamos presentes o alcalde, Alfredo Llano, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o responsable provincial da Federación, Carlos Méndez, e eu mesmo como concelleiro de Deportes”.
Fernández Rey lembrou que “a cesión do local era unha cousa que aprobamos en pleno, soamente faltaba a firma do convenio”.
O concelleiro de Deportes salientou que “nosoutros entendemos que é unha cousa moi positiva para Burela e sobre todo para os clubs porque van ter unha sede fixa na nosa localidade, e van poder facer moitos trámites que ao mellor antes lles resultaba máis difícil realizar sen desprazarse a ningún lado”.
Ramiro Fernández engadiu que “ademais disto a Federación vai poder facer aí cursos tanto para árbitros como para adestradores, e entendemos que tamén é positivo para que a xente de Burela non teña que desprazarse a ningún lado a facer as xestións destes cursos”.
O edil socialista aludiu “ao compromiso da Federación, que é colaborar co Concello en todas aquelas actividades nas que poida botar unha man ao Concello. Esa colaboración xa a tiveron na pasada Semana do Deporte que organizamos desde a Concellería de Deportes. Esperemos que no futuro sigan colaborando, de momento estamos moi contentos co apoio que estamos recibindo por parte deles tanto na Semana do Deporte como noutros. Fai pouco tivemos un problema cunhas fichas duns rapaces caboverdianos que xogaban a fútbol sala e grazas á mediación da Federación puidemos subsanar ese problema sen ningún tipo de mal maior”.
Ramiro Fernández remarcou que “estamos moi satisfeitos con este acordo e esperemos que sexa frutífero e que dure moitos anos. En todo caso o Concello ten o dereito de rescindir ese acordo en calquera momento por calquera circunstancia que implique que non se cumpran os acordos aos que chegamos, esperamos que sexa unha colaboración que se alongue no tempo e para nosoutros é moi positivo que a Federación Galega de Fútbol estea en Burela”.

Exit mobile version