Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo amplía as bolsas de formación xuvenís remuneradas ata os 18 meses

041017 Bolsas de formación xuvenilCervo, 4 de outubro de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, e logo de realizar diversas xestións cos responsables de diferentes fundacións da Universidade Galega, ampliará as bolsas de formación xuvenil ata os 18 meses; conseguindo prolongar así no tempo a estadía dos mozos e mozas que están a desenvolver a súa aprendizaxe práctica remunerada nos diferentes campos e departamentos da Administración Local, e que ata o de agora só se podían beneficiar deste plan durante un ano como máximo, “co fin así de dilatar a súa relación co mundo laboral real e reforzar a súa aprendizaxe; para que adquiran as máximas competencias para enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis esixente”.
O rexedor, Alfonso Villares, destacou que a experiencia do Concello de Cervo con este programa resultou dende o primeiro momento máis que enriquecedora e fructífera, entendemos que para todas as partes implicadas, xa que “lles podemos ofrecer aos rapaces unha primeira oportunidade nunha contorna laboral real, e, ao tempo que completan a súa formación, eles tamén nos brindan un importante reforzo en moitos dos departamentos do Concello, contribuíndo así tamén a mellorar a calidade dos servizos que prestamos aos nosos veciños polo que entendemos, e así lle lo trasmitimos tamén a eles, que a súa aportación está a ser fundamental; dende o ano 2013 que decidimos poñer en marcha esta inciativa, en colaboración coa Universidade Galega”.
Villares tamén apuntou que estas bolsas de formación tamén agardamos que sexan un incentivo para a xuventude do noso Concello; e unha motivación para que se formen; “tendo en conta que aquí lles podemos ofrecer esa primeira toma de contacto co mundo laboral; no que poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a súa carreira ou curso de FP e desenvolver a súa habilidades”.
Ata o día de hoxe foron 74 os rapaces e rapazas os que recibiron formación práctica remunerada nos diferentes departamentos do Concello, como son a sección de informática, intervención, tesourería, contabilidade, secretaría, medio ambiente, turismo, educación para a saúde, servizos sociais, policía local, no departamento de persoal, na Escola Infantil ou no departamento de obras, entre outras.

Exit mobile version