Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz xestiona coa Xunta a ampliación das instalacións da Escola municipal de música e da Banda na casa do mar

Foz, 24 de outubro de 2017. O Concello de Foz está a xestionar coa Xunta de Galicia a ampliación das instalacións da Escola Municipal de Música e da Banda na Casa do Mar.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, manifestou hoxe: “desde o Concello de Foz queremos mostrar a nosa satisfacción pola evolución da Escola de Música. Desde que houbo un cambio na súa ubicación a progresión é exponencial. Hai máis de 180 alumnos matriculados e estanse batendo récords no que son todos os obxectivos da Escola Municipal de Música Arcadio Mon. Obedece a unha mellora nos espazos na Casa do Mar, pois o ano pasado tamén tivemos unha moi boa noticia, que era a cesión por parte do ISM dunha aula de case 40 metros cadrados na primeira planta”.
Javier Castiñeira anunciou que “agora, en próximos días, eu creo que estamos na boa liña coa Xunta de Galicia para a cesión na planta baixa de preto de 180 metros máis, onde estaba antes a asociación de discapacitados Virxe do Carme de Foz, que se desprazou ao centro social. Este local é da Consellería de Política Social e grazas ás xestións do delegado da Xunta, señor Balseiro, co propio Concello, estamos moi cerca de poder recibir eses 180 metros cadrados para ubicar aí, ademais de máis aulas para a Escola de Música, tamén a Banda Municipal, que é un dos emblemas e unha das bandeiras do noso concello e que necesita un espazo tamén adecuado para a súa actividade”.
Castiñeira engadiu: “estamos de noraboa posto que a Escola de Música está levando unha traxectoria en positivo moi boa, con maiores e mellores espazos, con máis horas docentes e mellor calidade. Iso estase vendo sobre todo nas matriculacións e na súa actividade nun concello que está en sintonía co mundo musical. Eu creo que se están facendo as cousas moi ben para fomentar a música como parte do eido cultural do noso concello”.

Exit mobile version