O obxectivo xeral deste proxecto Life Fluvial é a mellora do estado de conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica.
O Concello de Ribadeo destinará a partida recibida a través deste proxecto á compra de terras dentro do seu ámbito municipal para o desenvolvemento posterior de accións de conservación da marxe ribadense da ría, tal e como explicou na súa intervención o alcalde, Fernando Suárez, que aludiu á figura do Marqués de Sargadelos: “simboliza un pouco a unión que temos estas dúas comarcas tan importantes ao longo do tempo, e que agora grazas ao traballo ímprobo, do que podo dar fe porque o levo vivindo desde hai tres anos. Non o traballo que levamos feito exactamente desde o Concello de Ribadeo, que foi moito menos, pero o traballo ímprobo que levan facendo toda esta xente que se embarcou nun proxecto formalmente hai tres anos, probablemente hai máis tempo, que intentou en varias ocasións que a Unión Europea dera financiamento, e finalmente á terceira foi a vencida e o proxecto foi merecedor de ter un apoio importantísimo a nivel económico. Esa é unha parte moi importante para o proxecto”.
O rexedor ribadense subliñou que “outra parte, indo máis aló, a min a que me gusta, é que este proxecto ofrece unhas posibilidades moi importantes tamén para coordinar e conciliar moitos departamentos que ás veces, e o digo por experiencia propia, é moi difícil coordinar. Cando varios entes ou varias administracións operan sobre un mesmo territorio moitas veces se intenta buscar o consello ou beneplácito dunha parte, pero ás veces é contraditorio co que di a outra, e eu espero que este proxecto serva para coordinar todo iso, e estou seguro que así será”.
Suárez Barcia dixo que “tamén creo que este proxecto vai ser un exemplo vivo do que é posible, do que se pode facer e do que se debe facer. Estamos nuns momentos históricos de cambio, de moito cambio, tamén a nivel forestal. Están de actualidade todas as desgrazas que pasan moitas veces por deixar nos últimos lustros ou decenios, a veces unha política forestal creo que un tanto equivocada. Este proxecto non pretende cambiar a política forestal, pero si que pretende dar unha idea de por onde debe ir o crecemento sostible, e poñer en valor o que os nosos devanceiros deixaron ben e nós moitas veces non a estamos tratando tan ben como nola deixaron. Seguramente que aos nosos fillos queiramos deixarllo mellor que como nós o estivemos tratando”.
O alcalde mostrouse “moi satisfeito desde o Concello de Ribadeo, que tamén forma parte como beneficiario asociado. Hai como tres ou catros anos tamén iniciamos humildemente un proceso de expropiación na beira da ría para ir eliminando a vexetación de fora, os eucaliptos, para que foran sendo substituídos por frondosas. Levamos tres fases con diferentes axudas, unha da Xunta e a maioría con fondos propios, pero agora este proxecto vainos dar a oportunidade de prolongalo un pouco máis, para deixalo ás portas da antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz. Ese sería un novo proxecto para soñar, aínda que sabemos que están os proxectos redactados, pero están nun caixón desde hai varios anos, pero sería un proxecto marabilloso para poder proseguir toda esta actuación que imos facer”.
Fernando Suárez dixo que “me gustaría, e teño falado co meu colega de Castropol, da outra banda da ría, de que sería moi boa cousa entre todas as partes porque isto non soamente depende dos concellos, xa nos gustaría, que puidéramos ver o entorno da ría substituído con vexetación autóctona en lugar dos eucaliptos. Sería unha boa imaxe para Galiza, para Asturias e para o mundo, tamén de que as cousas as empezamos a facer dunha maneira moito máis sostible e moito máis sensata”.
Tras o alcalde de Ribadeo interviñeron na rolda de prensa Andrés Barreiros Lois, vicerreitor de Desenvolvemento Científico da Universidade de Santiago de Compostela, e Jorge Marquínez García, director do Indurot da Universidade de Oviedo.
Forman parte do proxecto Life Fluvial o Ibader da USC, o Indurot da Universidade de Oviedo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a asociación InterEo, a asociación de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, o Concello de Ribadeo, Emalcsa (Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A) e Tragsa.
Ao acto de presentación celebrado hoxe en Ribadeo foron convocadas máis de 40 persoas pertencentes aos organismos, entidades, proxectos e asociacións que prestaron un apoio incondicional á candidatura deste proxecto: Xunta de Galicia, Principado de Asturias, Demarcacións de Costas de Galicia e Asturias, servizo provincial de Costas de Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Confederación Hidrográfica Cantábrico, Augas de Galicia, Deputacións de Lugo e A Coruña e Concellos de A Coruña, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, A Pontenova, Baleira, Guitiriz, Lugo, Meira, Rábade, Trabada, Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos.