Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno burelés prepara unha homenaxe a Ramón Vázquez Andrade. Será en novembro, segundo Alfredo Llano. Este sábado oficiarase unha misa na súa memoria na igrexa parroquial

Burela, 6 de outubro de 2017. O equipo de goberno organizará no mes de novembro unha homenaxe a Ramón Vázquez Andrade, concelleiro de Festexos falecido hai uns días. O alcalde, Alfredo Llano, lembra a súa participación en diferentes comisións e asociacións da vila, así como a súa actividade como sindicalista. Ademais mañá, sábado, ás 17:00 horas na igrexa parroquial de Burela, oficiarase unha misa á que asistirán os seus compañeir@s do equipo de goberno, amigos e veciñ@s para honrar a súa memoria.
O rexedor indicou que “despois de ter o sentimento de perder a un bo compañeiro, tanto amigo como compañeiro, da agrupación socialista e do grupo municipal do Concello de Burela, Ramón Vázquez Andrade, estamos xa en contacto coa familia e os compañeiros para facer unha homenaxe máis adiante, a ver se é posible xa no mes de novembro. Será unha homenaxe civil na que poida participar todo o mundo porque hai que lembrar que Andrade estaba moi relacionado con moitas asociacións. Era sindicalista, estaba metido en política, pero andaba colaborando en todo aquilo que era bo para o pobo. Eu creo que entre todos debemos lembrar á súa memoria e recoñecer todo o que fixo en Burela. Imos facer un acto civil posiblemente no mes de novembro onde estará invitado todo o mundo, e desde logo aquelas asociacións e agrupacións nas que estivo dalgunha maneira colaborando”.
Ademais o alcalde burelés anunciou que “mañá imos asistir a unha misa que terá lugar ás cinco da tarde na igrexa parroquial para dedicarlla á súa memoria. Farémoslle esa homenaxe en principio, dedicada tamén á súa familia, e estaremos alí toda a xente que queira asistir. Quero invitar a todo o mundo que desexe acudir e dalgunha maneira que se recoñeza a súa memoria”.

Exit mobile version