Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación financia con 4.000 euros o libro do Gaiteiro de Poso, un dos máis virtuosos do S.XX

presentacion libro gaiteiro do Poso-Navia de SuarnaLugo, 31 de outubro de 2017. O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández e o Concelleiro de Cultura, Manuel Gómez López, presentaron este martes na Casa do Concello de Navia de Suarna o libro-CD “Manuel López López. O Gaiteiro de Poso”. O Goberno da Deputación achega 4.000 euros para edición desta obra, realizada por Carlos Rey, Iván Costa e Sergio Cobos, que tamén estiveron presentes no acto, xunto ao editor da colección, Ramon Pinheiro.

Fernández Queipo remarcou que con esta publicación “poñemos en valor a obra dun dos gaiteiros mais senlleiros dos Ancares Lucenses, Manuel López López, coñecido como o gaiteiro de Poso, que amenizou as festas desta comarca cun estilo único. Un traballo que conten música inédita, así como gravacións documentais ao longo de corenta anos de carreira artística. Ademais, tamén inclúe comentarios biográficos e musicais, e transcricións das súas singulares interpretacións”.

O Deputado avanzou que con esta nova edición contribuímos a consolidar os nosos recursos culturais, así como o fomento da recuperación das nosas tradicións locais, como neste caso, salvagardar o patrimonio e a obra dun gaiteiro excepcional dos Ancares Lucenses do século XX, como Manuel López López.

No acto de presentación, interpretáronse pezas do repertorio de Poso coa gaita orixinal, cedida pola familia do músico. O Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, agradeceu a colaboración da Deputación coa edición desta obra. “A historia do noso apreciado gaiteiro traspasará fronteiras grazas a este traballo de investigación deste catro autores que hoxe ven publicada a súa obra ”, explicou.

Un virtuoso do s.XX
Manuel López López, coñecido como o Gaiteiro de Poso (1907-2000), naceu en Navia de Suarna, e está considerado como un dos máis virtuosos gaiteiros do s.XX, e como o máximo representante do particular estilo das montañas orientais de Galicia. O seu vasto repertorio e depurada técnica ofrécennos unha extraordinaria mostra dos xéneros e expresividade mais xenuínos da comarca. Este traballo conten gravacións domesticas realizadas por Poso desde os anos sesenta, ademais dunha insólita gravación profesional realizada en Madrid a finais dos setenta, e editada nun rarísimo disco non venal que se recuperou en exclusiva para a esta edición. A obra, “Manuel López López. O Gaiteiro de Poso” foi editada por aCentral Folque, que é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Esta nova publicación pertence á colección Chave Mestra.

Magosto o día 4 de novembro
Durante esta presentación tamén se avanzou o programa do Magosto que se celebrará o 4 de novembro na Praza de Navia de Suarna, a partir das 20:00 horas, e que financia o Goberno da Deputación. Haberá castañas, chourizo, touciño e roscas gratis para todos os asistentes. Tamén haberá música, e intepretaránse pezas do Gaiteiro de Poso.

Exit mobile version