Campos Conde reclamou a Xunta de Galicia un “compromiso real cos veciños da Pontenova” e solicitoulle que mellore os 5 quilómetros desta mesma estrada que son da súa titularidade. O Presidente explicou que hai varios treitos desta vía totalmente renovados grazas ao investimento feito polo Executivo Provincial, e anunciou que hai programados novos traballos de acondicionamento para o tramo que resta. Deste xeito, o Goberno Provincial cumpre cos compromisos adquiridos cos veciños, mellorando as vías que son da súa titularidade, dentro da aposta por unha Deputación rural.
O tamén Alcalde da Pontenova apuntou na necesidade de rehabilitar esta vía, que presenta graves deterioros no firme, feito que durante os últimos anos empeorou, provocando un grande risco para todos os seus usuarios. Campos Conde subliñou que, ademais, na zona atópanse varias empresas con moita actividade diaria o que prexudica, polo tanto, a economía do Concello.
As actuacións consisten na substitución da traída municipal que discorría polo centro da vía e que, debido ás filtracións, producía un grande deterioro no firme. Deste xeito, moveuse dita traída cara unha das beiras da estrada, co que se pon fin a estes problemas. Ademais, mellorouse o firme con aglomerado en quente, ao mesmo tempo que se levou a cabo a limpeza de cunetas e ampliación das cunetas, e incrementouse a seguridade da mesma, coa instalación de máis sinalización horizontal e vertical.