Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno do PP multa aos veciños de Riotorto cuns 50.000 euros a conta do catastrazo

Riotorto, 19 de outubro.- Nos últimos días os veciños e veciñas de Riotorto están a recibir cartas da Xerencia do Castastro nas que se lles reclama unha multa de 60 euros pola regularización catastral.
Trátase do primeiro paso na implementación do chamado “Catastrazo” promovido polo Partido Popular, que suporá unha suba do recibo do Imposto de Bens Inmobles, coñecido tamén como Contribución. Ademais da multa a pagar, comunícase o novo valor catastral das propiedades, que será máis alto, e reclámase a diferenza entre a contribución pagada co valor catastral anterior e o novo nos últimos catro anos. “Estimamos que se enviaron unhas oitocentas comunicacións, a sesenta euros de multa cada unha, saen uns 50.000 euros”, denuncia o BNG de Riotorto.
O grupo nacionalista esixira que o goberno municipal rebaixe o tipo do imposto nunha porcentaxe que compense a suba que implica a revalorización catastral mantendo a recadación actual nun Pleno que se celebrará este venres ás 20.30 h. “Coa regularización, o valor catastral das propiedades aumentará pero cunha rebaixa do tipo, que lle corresponde fixar ao concello, pódese minimizar a suba do recibo da contribución para os veciños. Pediremos que se rebaixe nunha porcentaxe que permita manter a recadación actual, porque sabemos que prestar os servizos custa diñeiro, e somos os primeiros en defendelos , pero non é momento de facer caixa a costa dos veciños”
O BNG de Riotorto xa presentou o pasado mes de abril unha moción contra a suba do IBI imposta polo“catastrazo”. A moción esixía a paralización da reforma imposta polo PP, solicitaba que a revisión do valor dos inmóbeis se fixese tendo en conta o seu valor real, dacordo coa súa función e a situación económica e demográfica do concello, e que quedasen exentas do pago do imposto as construcións auxiliares das vivendas do rural e as dedicadas a usos agrarios e gandeiros.
“Daquela o PP votou a favor da moción, pero non fixo nada ao respecto, incumprindo un acordo adoptado no Pleno”, lembran desde o grupo nacionalista. “Sabíamos que o PP de Riotorto actuaría como correa de transmisión das políticas que aplican desde a Xunta e desde Madrid, pasando aos vecinos e veciñas do concello a factura da crise, pero agora temos que dicir que o alcalde é alumno avantaxado de Feijoo e Rajoy. Primeiro foi o cobro do do Servizo de Axuda no Fogar, que se prestou de forma gratuíta durante os oito anos de goberno nacionalista, e que agora teñen que pagar os usuarios. Despois, a suba do recibo de lixo polo que os veciños pagan máis do dobre do que viñan pagando. E agora este novo ataque ás economías dos veciños”
O PP levará ao Pleno unha modificación na que establece unha bonificación do 70% por cento da cuota íntegra para os inmobles dedicados a actividades agrarias e gandeiras.
“Estamos dacordo niso, de feito, xa o recollía a moción que presentamos en abril, pero o concello non pode quedar aí. Tamén pagan a contribución pensionistas do réxime agrario que cobran pouco maís de 600 euros ao mes, persoas que están no paro ou recibindo unha axuda social, e traballadores e traballadoras cos salarios aos que nos levou esta crise. A rebaixa ten que ser para todos.”, conclúen.

Exit mobile version