Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pazo de San Marcos acolle a reputados expertos na Xornada de Literatura Oral que financia o Goberno da Deputación

IMG-5543Lugo, 21 de outubro de 2017. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; o vogal de Literatura de tradición oral de dita asociación, Antonio Reigosa; e o Coordinador da xornada, Isidro Novo, inauguraron este sábado, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a X Xornada de Literatura de Tradición Oral, Palabras con memoria. Trátase da cita cultural, que contou coa participación de reputados expertos na materia, na que se fixo fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía. Con esta xornada, o que se busca é recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción, do idioma galego; así como aquelas palabras e expresións que non recollen os dicionarios.

Esta actividade está enmarcada dentro da colaboración de 20.000 euros do Executivo Provincial coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, para promocionar e impulsar o uso do galego, facendo fincapé na promoción dos escritores, así como da súa produción literaria.

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos con este tipo de iniciativas, dentro da nosa aposta por fomentar o uso da lingua galega, que é o signo de identidade común que nos vencella a todos os habitantes do país, ao tempo que apoiamos e impulsamos un sector tan importante na nosa economía como é o literario.”

O Deputado de Relacións Institucionais lembrou que “a edición de libros en galego baixou nun 13,1% durante o 2016, unha caída que contrasta co bo momento que viven o español, o catalán e o vasco, que aumentaron. Ademais, no que a produción se refire, o Galego baixou nun 48%. Con este datos, dende o Executivo Provincial comprometémonos a seguir colaborando con este colectivo, a pesares de non ter as competencias directas nesta materia, co obxectivo de manter a amplísima riqueza literaria coa que contamos no noso país”.

Programación
Na X Xornada de Literatura de Tradición Oral, Palabras con memoria participaron reputados expertos na materia como Xulia Marqués Valea; Gonzalo Navaza; Isidro Novo; Mª Rosario Soto Arias; Xesús Antón Gulías ou Marcos Escudero, entre outros. A programación é a seguinte:

Mañá
10:15 horas.- Recepción, entrega de material e inauguración
10:30-11:30 horas.- Conferencia: Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego, a cargo de Xulia Marqués Valea
11:30-12:30 horas.- Conferencia: Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio, a cargo de Isidro Novo
12:30-14:00 horas.- Mesa redonda: Saber o seu nome sen perder a súa voz, coa participación de Xulia Marqués Valea, Isidro Novo e Antonio Reigosa

Tarde
16:00-17:00 horas.- Conferencia: Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía, a cargo de Rosario Soto Arias
17:00-18:00 horas.- Conferencia: Toponimia e lendas, a cargo de Gonzalo Navaza
18:00-19:30 horas.- Mesa redonda: O abecé do noso ADN simbólico-cultural, coa participación de Rosario Soto Arias, Gonzalo Navaza e Isidro Novo
19:30-20:30 horas.- Sesión práctica: Palabras con misterio: O Latín dos canteiros
Faladoiro co investigador Xesús Antón Gulías, e cos canteiro Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.

Exit mobile version