Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela advirte que a Relación de Postos de Traballo segue sen presentarse aos empregados municipais

BURELA, 31 de outubro de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela advirte que a relación de postos de traballo (RPT) que o alcalde anunciou “a bombo e platillo como un marco que convertiría as relacións concello-empregados municipais en excelentes” segue, case que ano e medio despois, sen ser presentada aos representantes dos traballadores e, polo tanto, sen ser discutida. A adxudicación da realización do documento fíxose a principios de xuño de 2016, cun presuposto total de 16.280’55€ , e en principio o prazo de entrega do mesmo era de tres meses.

Os populares afirman que “o transcorrir da RPT é outro exemplo máis da vagancia do alcalde e do seu equipo”. “Ademais de vagos, son mentirosos, porque eles mesmos anunciaron en xuño de 2016 que a finais dese mesmo ano o documento estaría rematado, ou sexa, hai un ano. A día de hoxe, de terse rematado, que o dubidamos, o documento ou é rematadamente malo, ou non beneficia a quen o goberno municipal pretende beneficiar, porque non se atreven a presentalo”, afirman.

Os edís do PP manifestan “estar decepcionados”, pois, “con tres sindicalistas de talla no goberno municipal, resulta que non son capaces nin de facer a RPT e moito menos de consensuala cos representantes dos traballadores”. Neste senso, recoñecen que agardaban máis capacidade negociadora, como cando se incluíu no convenio dos empregados municipais que o tempo mínimo para o café será de vinte minutos; “todo un alarde de complacencia sindicalista”, indican.

Desde este Grupo lembran que “para esta viaxe, non facía falta tanta presenza mediática como tivo o alcalde no seu día. Era suficiente coller a que deixou feita o PP en 2015 e adaptala, xa que así aforraríanse máis de 16.000 €. Deste xeito, segue en vigor a que tamén fixo o PP en 2006, e que foi criticada hasta a saciedade polo PSOE”, destacan.

Finalmente, os populares queren facerlle chegar á cidadanía que, “como a RPT, así están todas as cousas importantes no Concello. Se non están paradas, acumulan enorme retraso”. Esta situación é a que leva aos populares a concluír que “o Goberno municipal camiña sen un modelo de Concello, só ao que digan os impulsos. Todo vai demasiado lento, si é que vai, porque hai asuntos que se anunciaron na prensa dos que nada se sabe nin nada hai sobre os mesmos”, sentencian.

Exit mobile version