Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de O Valadouro intensifica a súa actividade, explicando aos veciños as mentiras do alcalde sobre o polígono nun boletín informativo

O VALADOURO, 25 de outubro de 2017.- O PP de O Valadouro intensifica o seu labor como oposición, explicando aos veciños as metiras do alcalde sobre o polígono industrial, e faino coa edición e distribución dun boletín informativo que chegará a todas as casas nas vindeiros días. Concretamente, a través desta publicación os populares dan conta da análise realizada, e que lles permitiu descobrir que o rexedor sociaista leva faltando á verdade sobre este asunto dende hai anos.

Concretamente, o PP local, en aras de facer unha oposición construtiva, repartirán máis de 600 exemplares. “Pretendemos desenmascarar con argumentos a parálise que sofre o polígono por mor da mala xestión deste Goberno”, precisa José Manuel Lamela, quen no propio boletín inclúe un apartado no que se pon a disposición da veciñanza para “escoitar as súas propostas”, pois tal e como indica, “estamos en política para traballar e conseguir do Goberno unha xestión máis útil e eficaz”.

E é que a tramitación do polígono foi paralizada polo menos ata en tres ocasións. Así o demostran os populares con documentos oficiais como o escrito remitido pola consellería de Medio Ambiente. Concretamente Lamela, cansado de que a entidade local non fose capaz de impulsar esta actuación tan importante para o municipio e de que os veciños non soubesen os motivos que a manteñen enquistada, decidiu buscar explicacións sobre esta infraestrutura, que se enmarcaba no convenio asinado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente do departamento autonómico, cos municipios de Alfoz e O Valadouro.

1ª paralización
A orixe do problema remóntase a 2013; ano no que se produce a primeira parálise pola irresponsabilidade de Edmundo Maseda. O Pleno municipal aprobou en abril dese ano, cos votos a favor do PP, a modificación das normas subsidiarias para a súa execución. Neste caso, os populares non dubidaron en apoiar a iniciativa, pois, a parte de ser un requisito indispensable para continuar coa tramitación do expediente de construción, entendían que esta infraestrutura era unha obra necesaria que redundaría no ben común do municipio, e que contribuiría a dar un forte pulo ás empresas locais.

Unha vez feito este trámite, o servizo de Urbanismo de Lugo, en aras de colaborar coa entidade local e de avanzar na tramitación da área industrial, valora a documentación presentada polo rexedor, detectando certos defectos na mesma. Esta circunstancia provoca que este departamento se vexa na obriga de indicarlle á entidade local a necesidade de que esta complete o expediente con varios informes sectoriais e presente o proxecto técnico de modificación das normas subsidiarias coa dilixencia de ser aprobadas provisionalmente. Asemade, nesta mesma notificación oficial, que se produce en outubro de 2013, tamén se especifica que, en tanto non se remitise dita documentación, non comezaría a computar o prazo de emisión do informe solicitado.

Pero, Edmundo Maseda, malia recoñecer no Pleno –e así se reflicte no extracto da acta da sesión que figura nesta publicación- que “[…] se trata do último eslabón que queda para conseguir a aprobación definitiva das Normas pola Xunta de Galicia, pois antes temos que aprobalas provisionalmente no Concello […]”,obviou a petición do departamento autonómico, non presentando a documentación requerida, o que provocou que non se puidese avanzar nos trámites de desenvolvemento do polígono.

2ª paralización
Lonxe de intentar buscar unha solución, en maio de 2015, o Concello decide rescindir o acordo con Xestur –entidade dependente da Xunta e encargada das áreas industriais en Galicia-, e asina o convenio coa Sociedade Urbanística Provincial para a construción desta infraestrutura na zona de A Granda. Esta decisión, supuxo voltar a empezar de novo e, por tanto, a segunda parálise.

A Deputación, a través de SUPLUSA, inicia o levantamento topográfico e a delimitación das mámoas que se atopaban no lugar. Segundo o acordo asinado, a Sociedade provincial realizaría, asemade, o Proxecto de Urbanización, a execución das obras, a venda das parcelas e entregar ao Concello o 10% do solo urbano industrial que se realice na primeira fase de construción así como as dotacións previstas na Lei.

O Concello, pola súa banda, tan só debía tramitar o planeamento, incluído o proxecto de expropiación, onde SUPLUSA participaría como beneficiario, conservación dos espazos públicos e aportar á Sociedade Urbanística Provincial a cantidade de 400.000 euros para os custos de proxección, impulso e construcións, repartidos nas anualidades nas que se realice o desenvolvemento do polígono.

A decisión municipal no cambio de quen debía executar a obra, non só significaba volver a empezar o proceso, pois trouxo consigo a resolución do contrato de servizos a Xestur, senón que supuxo un novo bloqueo. Proba delo, é que, a día de hoxe, logo dos distintos atrancos, o polígono continúa sen ser unha realidade pois, tanto a Sociedade dependente da Deputación como o Concello, non fixeron nada de nada.

3ª paralización
E non só iso, senón que, por se isto fose pouco, Lamela remarca nesta publicación que se atoparon cunha nova sorpresa recentemente. Foi, en xuño de 2017, cando no marco do Plan Único aprobado polo organismo provincial, a entidade local incluíu máis de 147.400 euros para a adquisición dos terreos, é dicir, que ata que este proceso se resolva o polígono continuará paralizado, sendo esta a terceira ocasión coa que o alcalde volta a enredar os trámites.

O socialista tampouco cumpriu co acordo adoptado grazas ao apoio dos populares e do BNG, e no que, a través dunha moción presentada polo PP, se manifestaba a vontade dos empresarios de adquirir dos terreos, de tal xeito que o rexedor tan só tiña que proceder á modificación puntual das normas subsidiriais sobre esas parcelas que aportarían os interesados. Todo isto nuns días nos que, ademais, o Bloque Nacionalista Galego tamén lle amosou o seu apoio ao alcalde para comprar os terreos xunto ao campo de fútbol para a construción da infraestrutura.

Por todo elo, e tendo en conta que a responsabilidade de que a infraestrutura permaneza estancada, os populares consideraron convinte a edición deste documento informativo, e fano “non coa idea de criticar ou de confundir, senón co obxectivo de que os veciños coñezan a verdade”.

Exit mobile version