Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo explica que se limitou a informar aos veciños sobre as consecuencias da revisión catastral, asunto que o goberno municipal tiña moi calado

Ribadeo, 27 de outubro de 2017. O portavoz do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, responde ao alcalde que desde o PP o que fixeron foi informar sobre o que está a pasar en Ribadeo como consecuencia da revisión catastral, que noutros concellos non se fixo. López Penabad manifesta que se non fora por esta información do PP moita xente non se decataría e despois tería que pagar un 20 por cento de recargo, porque o goberno municipal tiña este asunto moi calado.
O portavoz dos populares no Concello de Ribadeo manifestou: “sorpréndennos as declaracións do alcalde de que estamos facendo unha oposición malévola. O único que fixemos é destapar o que está a acontecer en Ribadeo co tema dos cobros do Catastro. A min chamáronme veciños de Ribadeo que aparecían nunha lista no BOE e que non sabían realmente porqué era. O único que fixemos foi destapalo porque cremos que hai que dar información a todos os ribadenses”.
López Penabad explicou que “é unha suba que se fixo e, como di o propio alcalde, foi el quen elixiu o ano para subilo, mentres que outros concellos aínda non o fixeron. Pero en Ribadeo si porque todos estes cartos van acabar nas arcas municipais e o que lles interesa é recadar canto máis diñeiro mellor”.
O voceiro popular dille ao alcalde: “a culpa non sempre é dos demais, nin é dos funcionarios nin sempre do de enfronte. Sobre os funcionarios teño que dicirlle que vostede é o máximo responsable do Concello de Ribadeo e está aí non só para cobrar senón para velar polos intereses dos ribadenses. Neste caso se nosoutros non o destapamos moita xente non se decataría porque estaban vostedes moi caladiños con este tema. O único que queremos é que se faga público dado que se non se paga en prazo isto virá cun recargo e en consecuencia sería gravar máis aos veciños de Ribadeo. Esa oposición malévola que di tena vostede na súa cabeza. Eu creo que lle molesta que digamos as verdades e que expoñamos a situación real que hai coa suba pola revisión do Catastro”.
Jesús López Penabad engade: “di que aplicou unha rebaixa no IBI para equilibrar. Está moi ben todo o que se poida facer para que non se vexan máis gravados os veciños, pero evidentemente en Ribadeo houbo unha suba do Catastro bastante importante e reflícteo este tipo de casos que estamos a ver. Sobre todo chocounos moitísimo que aparecese no BOE cando a xente non tiña coñecemento previo desa débeda. Malévolo veo vostede, pero nosoutros simplemente o que fixemos neste caso foi informar e que Ribadeo enteiro, ou polo menos os máis interesados que son os que aparecen nese listado do BOE, coñeza a realidade”.

Exit mobile version