Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da mancomunidade de municipios da Mariña amósase decepcionado ao non acadar ningún compromiso para a mellora do tren na comarca. Alfredo Llano asistíu este venres á xuntanza que tivo lugar en Ferrol

201017 Foto xuntanza tren Ferrol 2Burela, 20 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña amosa a súa decepción despois de asistir esta mañá en Ferrol a unha xuntanza para abordar o futuro do tren que circula pola costa. Alfredo Llano subliñou que “non asistiron nin os alcaldes do PP da zona de Ferrol, Ortegal e A Mariña nin representantes políticos da Xunta de Galicia”. Só estiveron nese encontro presentes técnicos de Renfe, un técnico de Infraestruturas da administración galega e alcaldes dos municipios polos que pasa esta liña. Da Mariña acudiron Ribadeo, Viveiro e Burela. Agora vaise constituír unha comisión de traballo que se reunirá o vindeiro 31 de outubro.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “levei unha decepción en dous aspectos fundamentais. Un deles que non houbo practicamente compromiso ningún de mellorar, apoiar e facer a liña de tren como un servizo público de calidade e que se aposte por el definitivamente dunha forma concreta e clara. Esa é a primeira decepción”.
Alfredo Llano engadiu que “si que se falou de que se ía pintar algunha máquina, de que se ía colocar algunha máquina de chocolatinas nos trens. Falouse tamén de que van substituír aos revisores dos trens por un sistema de autoventa, de tarxetas monedeiro, etc. Total que son medidas para disimular un pouco de aplicar algunha tecnoloxía nos trens, pero o que é o compromiso de levar tren de calidade, con certa cadencia e que realmente serva como servizo público de viaxeiros, iso non o arrancamos hoxe”.
O presidente da Mancomunidade salientou que “outra cousa que me chamou a atención é que non houbo nin un só alcalde do PP da Mariña, nin de Ortigal nin de Ferrol. Fomos todos os outros, pero eles fixeron mutis polo foro. Soamente enviaron da Xunta un técnico que non pode responsabilizarse de temas políticos nin de compromisos. Estivemos opinando cada un do que queríamos para a nosa comarca, tanto para Ferrolterra como para Ortigueira e para A Mariña, pero compromisos nada”.
Alfredo Llano declarou que “o único compromiso que se sacou en firme, que é o que imos aplicar é a creación dunha comisión de traballo da que imos formar parte da Mariña, o alcalde de Ribadeo, o tenente de alcalde de Viveiro e eu como presidente da Mancomunidade. A próxima reunión terá lugar o día 31 deste mes. Imos seguir traballando duro en defender ese transporte que nos parece moi importante para o desenvolvemento global da nosa comarca. Insistiremos pero a primeira opinión que teño que dar foi dunha decepción porque de aí saímos todos sen que existira o máis mínimo compromiso de mellorar substancialmente o tren que agora mesmo xa se ve como está sendo ese servizo”.

Exit mobile version