A nosa “Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza.
A nova educación imposta polo franquismo debía borrar todos os aspectos de renovación e avance educativos. Fronte á idea republicana de “formación de cidadáns libres e iguais” agora tratarase de “formar leais e entregados súbditos” da nova España que se estaba construíndo. A escola debía inculcar unha serie de valores que se poden resumir nun exaltado patriotismo españolista e na obediencia a Franco e ás autoridades.
A ditadura volve separar nenas e nenos, cambia de novo os planos de estudos, reintroduce a Relixión como materia obrigatoria e introduce “Formación del Espíritu Nacional” e “Enseñanzas del Hogar”, esta última só para as nenas, e ambas as dúas impartidas por militantes de Falanxe. Así, o ensino quedaba totalmente controlado.
Pasouse, por dicilo de forma moi plástica, a unha “escola que tiña púlpitos en lugar de tarimas, reclinatorios no canto de pupitres e encíclicas por libros de texto”.
Ao mesmo tempo, como afirma o profesor Antón Costa Rico, “O profesorado era agora, “á forza”, un colectivo medoñento, autocensurado, autorreprimido, pasivo, resignado e submiso. Un colectivo ao que se chega, en moitos casos, de forma irregular como ex combatentes falanxistas ou mulleres da Sección Femenina”.
“Enciclopedia Álvarez” é unha invitación ao sorriso. Un achegamento a estas historias desde os ollos inocentes dos nenos e nenas protagonistas da obra. Nenos e nenas que as lembran desde a súa posición actual de adultos e baixo o prisma do paso do tempo que todo o suaviza. Unha invitación ao sorriso, sobre todo porque nos fala dun pasado “aparentemente” afastado da nosa realidade actual.
As entradas, que xa están á venda en establecementos do concello de Barreiros ata o 31 de outubro, teñen un prezo de 3 €. Desde Ollomao recordan que o aforo está limitado a 150 persoas por función, polo que se debe adquirir a entrada para o día que se desexa asistir. Igualmente, haberá tamén venda en taquilla, que se abrirá media hora antes de cada función.