Site icon Crónica3.com A Mariña

Por 1ª vez en España, unha administración ofrece formación sobre a construción e interpretación de instrumentos medievais adaptados ao século XXI

INSTRUMENTOSLugo, 20 de outubro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este venres na Sala de Instrumentos do Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD) do organismo provincial, que se sitúa na capital luguesa, o proxecto de investigación, construción, difusión, interpretación e divulgación de instrumentos musicais da Idade Media, que ten en marcha a Deputación de Lugo. Trátase dunha iniciativa pioneira, pois por primeira vez en España unha administración pública ofrece a profesionais do sector formación gratuíta da man de reputados Luthiers sobre a construción de instrumentos medievais adaptados ao século XXI. É dicir, non se realizarán réplicas, senón innovadoras e punteiras pezas, facilmente tocables por músicos contemporáneos.

Investigación
E poderanse construír grazas ao traballo previo de investigación, enmarcado na primeira fase deste proxecto, que realizaron os propios mestres artesáns do CentrAD da Deputación de Lugo. Estes foron capaces de replicar instrumentos medievais que aparecen reflexados en esculturas en pedra de emblemáticos lugares como Pórtico da Gloria, a Catedral de Lugo ou o Pazo de Xelmírez, e logo elaborar os planos necesarios para construír instrumentos medievais para músicos contemporáneos.

Cómpre destacar que os profesionais do Centro de Artesanía e Deseño xa foron os autores das, neste caso, réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria que acolle as instalación do CentrAD na capital lucense, nunha mostra punteira en Europa. A Deputación prestou estes instrumentos a profesionais como Carlos Núñez para os seus concertos, e a institucións para mostras como a do Pergamino Vindel, que hoxe está en Vigo e conta con 3 destas pezas do CentrAD.

De feito, na presentación de hoxe, Campos Conde estivo acompañado, ademais de pola Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre; polos mestres artesáns do CentrAD da Deputación de Lugo que se encargan da realización deste proxecto. Estes profesionais remataron o acto cun concerto de organistro e viola da punteira mostra de instrumentos medievais.

Formación sobre a construción
Campos Conde explicou que “damos un paso máis neste pioneiro proxecto, poñendo en marcha agora a fase de formación, ofrecendo aos 30 mellores profesionais 6 obradoiros gratuítos, que serán impartidos por reputados Luthiers, nos que poderán aprender a construír estes instrumentos medievais adaptados aos século XXI, que xorden das investigacións dos mestres artesáns da Deputación de Lugo”.

E é que debido á súa alta especialización, estes obradoiros están dirixidos a profesionais. Os interesados deben enviar o seu curriculum e facer a súa solicitude a info.centrad@deputacionlugo.org. Unha comisión técnica valorará a formación e traxectoria profesional para a selección dos participantes. Son 5 prazas por obradoiro, que se desenvolveranse nas instalacións do CentrAD na capital luguesa.

1.- Obradoiro de GIGA e de Rota. Terá lugar do 30 de outubro a 11 de novembro. O titor é Christian Rault.
2.- Obradoiro de viola oval con arco. Do 27 de novembro ao 2 de decembro. Impartido por Xermán Arias.
3.- Obradoiro de Cítola. Do 27 de novembro ao 2 de decembro. Impartido por Antonio Franco Carreira.
4.- Obradoiro de viola oval (II). Do 15 ao 27 de novembro. Impartido por Antonio Franco Carreira.
5.- Obradoiro de Zanfona. Do 11 de febreiro ao 2 de marzo. Impartido por Antonio Franco Carreira.
6.- Obradoiro de Salteiro. Tamén terá lugar en febreiro e marzo. Os titores serán Carlos Paniagua e Begoña Olavide.

Os proxectos estarán coordinados por Luciano Pérez, mestre artesán do CentrAD.

Divulgación e formación sobre a interpretación
Tras a formación, haberá unha fase de difusión de todos coñecementos obtidos. Por exemplo, porase a disposición de todo o sector, a través da web oficial da Deputación, os planos destes instrumentos, facendo que a Deputación de Lugo sexa tamén a primeira institución no Estado en compartir e liberar unha investigación destas características. Os novos instrumentos tamén se porán a disposición dos músicos profesionais. Esta fase continuará con máis formación sobre a interpretación destas pezas. A previsión é ofrecer novos obradoiros para aprender a tocar estes instrumentos medievais, adaptados por completo ás características e necesidades da música contemporánea.

Artesáns nacionais e internacionais
O cadro de profesionais que impartirán os obradoiros de construción está composto por artesáns e Luthiers de grande recoñecemento no sector e cunha ampla traxectoria no eido da recuperación de instrumentos musicais medievais. Estes son:

Christian Rault. Diplomado en escultura do ENSAD de París, Christian Rault foi formado a lutheria clásica italiana por Giobatta Morassi na escola de Cremona. Desde a súa instalación en Francia en 1978, especializouse en restauración de instrumentos dos séculos XVII e XVIII antes de dedicarse á súa construción. Ao constatar que os instrumentos usados polos músicos non correspondían ás realidades descritas polos textos, as iluminacións, pinturas e esculturas; Christian Rault iniciou as investigacións en organoloxía. Dá cursos e conferencias en Europa. É organizador de encontros e exposicións internacionais en relación a organoloxía. Participou en proxectos científicos de reconstitución dos instrumentos de Santiago Compostela, Puivert, Lugo, Royaumont e Chartres. Membro do ALADFI, da asociación Luthiers sans Frontières e secretario de proLyra: Labororatorio francés de arqueoloxía musical.

Francisco Luengo. Dende o 1979, dedicouse ao estudo da interpretación con instrumentos e técnicas orixinais dos diversos estilos musicais anteriores ao século XIX. Comezou en 1981 a aprendizaxe de viola da gamba baixo a dirección de José Vázquez, ingresando en 1988 na “Hochschule für Musik” de Viena. Funda con Fernando López Pan e Miro Moreira e dirixe dende a súa creación a Capela Compostelá, grupo especializado na interpretación da música renacentista e barroca, que presta especial atención á recuperación e difusión da música española destes períodos. Neste terreo, Capela Compostelá publicou dous discos compactos, dedicados integramente á obra de José de Vaquedano (1642-1711), un dos principais compositores españois do século XVII, que foi “Mestre de Capela” da Catedral de Santiago de Compostela. Foi un dos seis construtores escollidos para participar no proxecto da reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, patrocinado pola Fundación Barrié da Maza, desenvolvido entre os anos 89-92. Formou parte do equipo de especialistas do “Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmírez”, emprendido pola Deputación de Lugo no período 93-94. Colabora con diversos grupos de música antiga, realizando concertos e xiras por Europa, América, África e Asia, gravacións discográficas e programas para radio e televisión de diversos países.

Xermán Arias. Nado en Barbadelo (Sarria), comezou a súa formación no taller de instrumentos musicais da Deputación de Lugo en 1986, baixo a dirección de Xesús e Luciano Pérez. No ano 1994, fundou o seu primeiro taller. Finalizados os seus estudos, viaxou a Francia para traballar co luthier Christian Rault.

Carlos Paniagua. Estudou na escola técnica superior de arquitectura de Madrid. Construtor de instrumentos de corda antigos, históricos, étnicos e tradicionais. Especializado na reparación de instrumentos de corda. É investigador e recopilador de iconografía de instrumentos antigos.

Begoña Olavide. Titulada en frauta no Conservatorio de Música de Madrid. Realizou cursos de especialización en Holanda, Iugoslavia e Marrocos en canto canon e teoría da música andalusí-magrebí. Colaborou con orquestras nacionais e internacionais, conseguindo prestixio e recoñecemento. Begoña Olavide está entre os primeiros profesionais que recuperaron a música do salterio. Puxo música a numerosas obras de teatro, cine e documentais.

Luciano Pérez. Aos 13 anos alternou os seus estudos coa aprendizaxe da construción de instrumentos musicais á beira do seu avó Paulino Pérez. Estudou no conservatorio de Lugo cos profesores Antón Curral, Christian Rault e Claude Flagel. As súas inquietudes involúcrano en distintas actividades musicais con Miro Casavella e co grupo Doa. Toda a súa vida profesional desenvólvese no taller da Deputación de Lugo, que serviu de rampla de lanzamento a un considerable número de artesáns e onde levou a cabo numerosos e importantes proxectos multidisciplinares. Realizou o estudo e reconstrución de 7 instrumentos musicais de acordo aos debuxos de Leonardo dá Vinci para a mostra “Leonardo e a Música”.

Exit mobile version