Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha técnica municipal de Cabo Verde formarase do 18 ao 22 de outubro no concello de Burela

171017 Foto tecnicas Cabo Verde y MozambiqueBurela, 17 de outubro de 2017. Unha técnica municipal de Cabo Verde Paula Pina estará en Burela do 18 ao 22 de outubro e ten programadas reunións con distintos técnicos e visitas a distintas empresas para poder comprobar en situ actuacións e formas de traballar dentro do seu ámbito laboral. Trátase dun programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que forma parte o Concello de Burela.
Despois de doce anos enviando a persoal dos Concellos socios a colaborar cos parceiros no Sur, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de darlle a volta ao programa Vacacións con Traballo e agora son dúas técnicas municipais de Cabo Verde e Mozambique as que viaxan a Galicia para intercambiar experiencias ao longo do mes de outubro. Saneamento, medio ambiente, planificación urbanística e estradas son algunhas das áreas nas que as profesionais están interesadas en formarse.
Paula Pina, directora de gabinete de Saneamento, Medio Ambiente e Seguridade Urbana da Cámara Municipal de Santa Cruz, no arquipélago africano, áchase estes días visitando diferentes fincas da Deputación de Pontevedra. Antes do día 24 percorrerá A Guarda, San Sadurniño e Burela, onde terá a oportunidade de comprobar o funcionamento de depuradoras, pozos de bombeo, punto limpo, servizo de xardinería, etc. A funcionaria pretende así “coñecer a vosa experiencia e amosarvos a nosa nestas áreas”, a fin de tirar aprendizaxes mutuas.
En instalacións semellantes ten interese Ailina da Marta, topógrafa da vila mozambicana de Mandlakazi, que pasará tamén pola Deputación de Pontevedra e polos concellos de Tomiño, Valga, O Barco, Moaña e Narón. A súa axenda, que se prolonga ata o 1 de novembro, inclúe a fiscalización de obras, revisión de PXOM, servizo de mobilidade ou manexo de programas informáticos. “Agardo que coa miña estadía no programa Vacacións con Traballo en Galicia poida apañar experiencias doutros municipios nos eidos mencionados e achegar a maior contribución á vila de Mandlakazi grazas aos coñecementos adquiridos”, expresaba a técnica.
As dúas profesionais coinciden en destacar as melloras que nos últimos anos se teñen dado nos seus concellos en materia urbanística, de limpeza ou alumeado público, pero apuntan que aínda queda moito por facer dada a carencia de recursos económicos, equipamentos e formación. A través deste programa de cooperación técnica, búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur, para o que as convidadas tamén impartirán charlas.
O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.

Exit mobile version