Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que desmantelan outro servizo no Hospital da costa: o arquivo das historias clínicas

A Mariña 17-11-17. Ao tempo que os obreiros van levantando paredes de ladrillo, o Hospital da Costa vai perdendo servizos. “Á perda de servizos que se viñan asumindo no noso hospital, como o departamento de contabilidade, as operacións de fimose, a implantación de marcapasos, as operacións de xeonllos e demais derivacións cirúrxicas, agora asistimos ao desmantelamento do arquivo de historias clínicas. É cando menos contraditorio, que atopándonos en plena ampliación de espazos, desapareza un servizo que non vai volver e que naceu con este Hospital polo feito de que agora, non temos espazo para a súa reubicación , ou iso alegan dende a Dirección”, sinalan dende CIG Saúde A Mariña.

Para CIG Saúde a palabra da Xerencia non ten valor algún, xa que no ano 2014 comprometeranse a ter todo dixitalizado antes de 2018 -algo que non aconteceu- e o que fixeron foi destruír parte das historias como no seu día denunciaron ao Valedor do Pobo.

Estamos a asistir á privatización por parte do Partido Popular do arquivo de historias clínicas no Hospital da Costa poñendo as obras como desculpa.

A privatización da xestión dos arquivos clínicos dos centros hospitalarios ten varias vertentes. A primeira é que se trata dun paso máis na lenta e progresiva privatización da sanidade pública, que está a realizar o PP, a pesar da propaganda oficial e das declaracións que negan a evidencia.

“Que o espazo onde se atopa o arquivo ía ser utilizado para outros fins por mor das obras, era algo planificado dende que estas se iniciaron” e, dende CIG, critican que “non se buscaron alternativas de espazo para a súa reubicación, xa que a intención perseguida sempre foi utilizar as obras como desculpa para acadar un fin desexado, a privatización do servizo do arquivo das historias clínicas”.

OS DATOS MÁIS SENSIBLES DA VECIÑANZA DA MARIÑA EN MANS PRIVADAS.

Unha cuestión moi importante, ten que ver coa confidencialidade dos datos que se atopan recollidos nas historias clínicas. Estes datos dan unha especial sensibilidade, recollen información que non pode ser utilizada máis que nos casos e nos supostos para o que os usuarios deron consentimento.

A importancia que ten no funcionamento dun centro sanitario o arquivo de historias clínicas e vital, máxime cando non está informatizada toda a documentación para que esta se atopase, a tempo real, a disposición dos profesionais que a precisen para unha atención sanitaria axeitada.

As historias clínicas dos mariñaos e mariñás estarán en mans privadas a máis de 100 km de distancia, historias clínicas que non están totalmente dixitalizadas polo que desde CIG Saúde a Mariña fanse algunhas preguntas: “¿Se acudimos a Urxencias ás 3 da madrugada chegará a nosa historia clínica que se atopa a máis de 100 km de distancia ese mesma noite, ao día seguinte, ou cando? ¿Sen historia clínica pódese facer un bo diagnóstico que pode ser vital para a nosa saúde?

“É importante que a cidadanía saiba que o seu historial clínico vai estar en Lugo, e inda que a empresa privada transportará diariamente as historias que se soliciten de xeito programado, que vai acontecer cando acudamos por urxencias? Pois que non teremos historia e seremos tratados como pacientes desprazados, como turistas na nosa propia casa”, sentenza a central nacionalista.

A historia clínica dos pacientes non pode ser obxecto de negocio e externalizarse -indica CIG Saúde A Mariña-, e nunca, en ningún caso, debe saír do ámbito público que é o que, de verdade, garante a confidencialidade e protexe os datos persoais relacionados coa saúde e o estado sanitario da cidadanía.

BENEFICIO PARA A EMPRESA PRIVADA.

Todo o que se move ou se xestiona no ámbito da privatización de servizos no SERGAS aparece por medio Servizo Móbil S.A con sede nas Pontes.

Abundando nos riscos que supón esta fórmula de xestión de documentos públicos, unha empresa privada non ten como fin o servizo publico senón o beneficio empresarial e canto máis elevado sexa este, mellor.

AFECTACIÓN LABORAL.

CIG Saúde A Mariña estará especialmente vixiante para evitar que se perda algún posto de traballo ou se modifiquen as condicións de traballo do persoal. «Non consentiremos que se amortice ningunha desas prazas porque son necesarias no Hospital».

Exit mobile version