Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación territorial acolle os días 22 e 23 senllos cursos sobre turismo accesible dirixidos a empresas e axentes do sector

Lugo, 17 de novembro de 2017.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá os vindeiros días 22 e 23 senllos cursos sobre turismo accesible organizados por Turismo de Galicia e dirixidos ás empresas turísticas e a outros axentes do sector.

As xornadas pretenden resolver as dúbidas sobre a normativa aplicable, os servizos que se deben prestar ou as vías de promoción e comercialización da oferta de turismo accesible, entre outros aspectos. Poden participar empresarios turísticos e persoal de organismos, entidades de promoción turística e oficinas de turismo, entre outros.

Así, o mércores 22 celebrarase o curso “Turismo accesible e atención ao cliente con discapacidade e outras necesidades diversas”. O obxectivo é dar a coñecer as vantaxes económicas e sociais que o turismo accesible lle ofrece ao sector así como poñer en valor as necesidades que se deben cubrir para conseguir a plena integración das persoas con discapacidade no uso das infraestruturas e servizos turísticos.

O xoves 23 impartirase o curso “Normativa e avaliación da accesibilidade”, que ofrecerá aos participantes ferramentas para que saiban auto-diagnosticar a accesibilidade dos seus establecementos e destinos co fin de ofrecer aos turistas ou visitantes unha información obxectiva e veraz.

Tamén adquirirán coñecementos para a mellora da accesibilidade nas súas instalacións e servizos, e orientacións sobre pautas de comportamento que deben seguir os profesionais do sector turístico á hora de ofrecer os seus servizos a un turista con discapacidade.

Os cursos son totalmente gratuítos e celebraranse en horario de mañá e tarde no segundo andar do Edificio Administrativo da Xunta.

A inscrición online está aberta para todos os interesados na páxina web de Turismo de Galicia:
http://www.turismo.gal/espazo-profesional/calidade-turistica/cursos-de-formacion?langId=gl_ES&content=curso_0040.html

http://www.turismo.gal/espazo-profesional/calidade-turistica/cursos-de-formacion?langId=gl_ES&content=curso_0041.html

Exit mobile version