Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición “un tesouro en sete cantigas”, sobre o pergamiño Vindel, promocionarase en Viveiro coa interpretación dun cantar de cego o vindeiro xoves, 30 de novembro

Viveiro 24-11-17. O pasado 10 de outubro inaugurouse no Museo do Mar de Galicia a exposición “Un tesouro en Sete Cantigas”, con motivo da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel, o manuscrito que recolle as cantigas musicadas do trobador vigués Martín Codax.
A Universidade de Vigo, promotora da visita do Pergamiño Vindel desde o seu fogar na Morgan Library & Museum de Nova York a Galicia, está a realizar unha serie de actividades para dar a coñecer á cidadanía de toda Galicia a presenza deste documento na nosa terra, verdadeiro berce da nosa lingua e a nosa cultura, e animar a todos os galegos e galegas a visitar a devandita exposición.
O próximo xoves, 30 de novembro, na Praza Maior, en Viveiro, pola mañá, facendo que coincida co mercado semanal, levarase a cabo unha destas actividades, consistente na dramatización dun Cantar de Cego especialmente composto para a ocasión, interpretado polo regueifeiro Luís Correa “O Caruncho” no papel de cego, acompañado no papel de lazarilla por Chus Iglesias, con actuacións por toda Galicia. A actuación consistirá en tres pases nos que o cego e a lazarilla interpretan tres cantigas cun “roller” ilustrado por Luís Davila “O Bichero”; comezará ás 11:00 horas e rematarán, previsiblemente, entre as 12:30 e 13:00 horas.

Exit mobile version