Esta mostra está unida por palabras claves como xénero, memoria, diversidade, voz, recoñecer, liberdade, comunidade, elixir, aprender, obradoiros, cuestionar, e PERSOAS. A exposición é itinerante e xa estivo en varios Concellos da provincia como Sarria, Foz, Chantada, Lourenzá; así como os 4 museos que integran a Rede Museística Provincial.
Premio Iberoamericano de Educación e Museos 2017
Promovido anualmente por Ibermuseos desde 2010, o Premio Iberoamericano de Educación e Museos ten como obxectivo identificar, destacar e fomentar a capacidade educativa dos museos, tendo en conta a pluralidade das prácticas museolóxicas iberoamericanas. Desde a súa primeira edición, o premio contribuíu a fortalecer e promover o labor educativo das institucións museísticas na rexión. Ao longo de 7 edicións, foron recoñecidos a 53 proxectos de 12 países, os cales se caracterizan por estar comprometidos socialmente con comunidades, por promover a diversidade e o encontro intercultural, así como co desenvolvemento sustentable. Ademais destes, outros 92 proxectos recibiron mención de honra.
Máis recoñecementos
A Rede Museística Provincial vén de recibir un novo recoñecemento, ao ser seleccionado o proxecto Guerrilla de Palabras: el oficio del/a palabrero/a como unha das dúas iniciativas internacionais que serán respaldadas por Ibermuseos dentro da IV Convocatoria Conversaciones, un programa de apoio ao desenvolvemento de proxectos expositivos e á circulación de bens culturais entre un ou máis países da rexión iberoamericana, co propósito de promover a realización de accións de apropiación social da memoria e o patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
Guerrilla de Palabras: el oficio del/a palabrero/a é un proxecto do Instituto Universitario de Investigación de la Paz e a Universidade de Granada en conxunto co Museo La Tertulia de Cali (Colombia), que parte do Programa Culturas en Diálogo da Rede Museística de Lugo, no que participan, dende o ano 2000, diferentes museos españois, americanos e europeos.
O obxectivo deste proxecto é establecer canais de diálogo que poñan en valor a posición da muller na resolución dos conflitos armados, preservando o patrimonio inmaterial (as voces femininas que traballan pola paz, mediando conflitos), e constituíndo coas comunidades e colectivos un relato en feminino do proceso de paz colombiano e de reinserción da muller condenada. O proxecto será realizado a través dun conxunto de accións, como unha intervención artística en Cali e en Lugo; un proxecto de intervención socio-educativa, ademais dunha serie de obradoiros.