Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acomete a limpeza e conservación de varios treitos do río Ouro ao seu paso polos concellos de Foz e Alfoz

Lugo, 30 de novembro de 2017.-Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, acomete obras de limpeza, mantemento e conservación de varios treitos do río Ouro ao seu paso polos termos municipais de Foz e Alfoz.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intervención inclúe a retiradas de árbores e pólas caídas sobre a canle fluvial e diversas tarefas de roza e desbroce e control da superficie vexetal das ribeiras.

No municipio de Alfoz os traballos concentraranse nas parroquias de Lagoa, San Pedro de Mor, O Castro de Ouro e Carballido. Mentres que no concello de Foz, as tarefas de mellora dos tramos fluviais desenvolveranse nos núcleos de San Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo e Fazouro. En total, son oito treitos con case dez quilómetros de extensión.

Os operarios encargados dos traballos axudaranse de diverso material como tractor, motoserras e distintos vehículos encargados de retirar a madeira e elementos forestais sobre o rio e realizar a correspondente xestión destes residuos, sempre con máximo respecto ambiental e do ecosistema.

A limpeza dos ríos é unha actividade moi importante e necesaria co propósito de optimizar o estado ecolóxico dos leitos fluviais e co obxecto de prever e evitar risco de inundacións, sobre todo agora que están próximos os meses de inverno nos que habitualmente se rexistran máis choivas.

Estes traballos completan un ambicioso programa de actuacións promovido desde Augas de Galicia e que xa levou a executar limpezas nas concas de varios ríos en municipios como os de Viveiro, Barreiros, Mondoñedo e Lourenzá, entre outros.

Exit mobile version