Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lembra que leva tres anos agardando a que o Concello de Ribadeo remita os informes de viabilidade da futura residencia

Lugo, 17 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia lembrou hoxe que leva máis de tres anos (desde agosto de 2014) agardando a que o Concello de Ribadeo remita os informes técnicos de viabilidade e non duplicidade imprescindibles para autorizar a achega de 500.000 euros que o Goberno galego ten comprometida para a futura residencia.

Desde a administración autonómica non comprenden que durante todo este tempo non se dera ningún paso para remitir esta información e desbloquear esta achega e insisten en que este mesmo requisito se aplica a todos os casos nos que compre autorizar unha colaboración económica destas características para unha infraestrutura social.

A Xunta lembra tamén que ofreceu ao Concello de Ribadeo múltiples alternativas para colaborar co proxecto de futura residencia, todas elas desbotadas: desde o concerto de prazas, ao que renunciaron, que suporía financiar anualmente e para sempre con cargo a fondos autonómicos 40 das 47 prazas dispoñibles; ata unha achega económica directa, por importe de 500.000 euros, que non acaba de materializarse pola negativa municipal a responder aos sucesivos requirimentos.

A lei obriga ao Goberno galego a reclamar estes informes tanto o de non duplicidade, como o que acredita que o exercicio desta nova competencia sexa sostible dende o punto de vista económico, ademais de avaliar a capacidade de xestión e o xeito concreto de prestar este servizo. Outorgar a axuda sen cumprir estes requisitos sería incumprir a lei, e ningunha administración, tampouco o Concello, outorga axudas económicas sen a correspondente xustificación.

Máis de tres millóns de euros en investimentos
O Goberno galego defende ademais que Ribadeo é un dos municipios da Mariña que máis investimento autonómico recibe procedente desde a administración autonómica e ratifica, que só en 2016 –o último ano completo- estas achegas superaron os 3 millóns de euros.

Entre as inversións máis relevantes está o financiamento dos dous obradoiros de emprego que recibiu o Concello, as obras executadas no porto de Mirasol, as achegas do Fondo de Cooperación local ou, recentemente a concesión pola Xunta de sucesivas axudas para a adquisición dun tractor para a roza (90.000 euros) ou axudas para as obras de urbanización da travesía Francisco Iglesias, melloras nos centros educativos, o financiamento do servizo de axuda no fogar ou o plan de conservación das Catedrais, entre outros

Exit mobile version