Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano demanda un tren de cercanías que atenda as necesidades da poboación da Mariña e que se poida converter nunha peza fundamental para o turismo. O presidente da Mancomunidade denunciou a falla de mantemento e de poda que detectou onte viaxando no tren ata Viveiro

A Mariña, 6 de novembro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, acompañou onte ao Ribadeo FC na súa viaxe en tren ata Viveiro. Llano denunciou o mal estado do traxecto nalgúns puntos onde non se fixeron labores de mantemento e de poda, o que ocasiona que as ramas das árbores golpeen no tren. O presidente da Mancomunidade segue reclamando un servizo de cercanías que atenda as necesidades da poboación da Mariña e que se poida converter nunha peza fundamental para o turismo.
Alfredo Llano lembrou que “onte fixemos unha viaxe, algúns desde Ribadeo a Viveiro e outros desde Burela a Viveiro. Estamos en conversas a través da Mancomunidade con representantes da Mariña máis os de Adif e Renfe ademais da Xunta de Galicia con respecto á mellora do tren, deste servizo público que nos corresponde defender. Aínda que non temos competencias directas sobre este tema si que temos a obriga de tratar de mellorar todo o que corresponde ao servizo público do tren. O tren de vía estreita, que antes era Feve e agora é Renfe”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “as últimas conversas que tivemos dentro da da comisión técnica, na que estou representando á Mancomunidade de Municipios da Mariña, foi decidir qué tipo de servizos imos reclamar ou esixir desde a comarca, e que non vai ser outro que un servizo de cercanías porque consideramos que sería boa cousa para atender as necesidades da xente nos horarios que correspondan”.
Llano engadiu que “onte fixemos unha defensa deste servizo, que se mova desde Ribadeo a Viveiro e desde Viveiro a Ribadeo, que comunique toda a mancomunidade, e que colla todos os concellos polos que pasa como un servizo de cercanías. Foi un día agradable, participamos xunto co Ribadeo FC, pasamos ata Viveiro facendo o percorrido, fomos ben atendidos, estivo todo perfecto e ben organizado. Foi moi puntual o tren pola mañá e non tivo practicamente retraso ningún. Pero chegando a Viveiro notábase como rebotaban as ramas de diferente arboreda que está sen segar, o cal dá lugar a pensar no abandono da vía e das estacións que non están ben coidadas, como é evidente e puidemos comprobar nesa viaxe desde Ribadeo ata Viveiro. Polo que me contaron na viaxe de volta si que houbo un retraso importante do tren”.
O presidente da Mancomunidade adiantou que “nosoutros imos facer un pleno ordinario da Mancomunidade no mes de decembro, e imos falar do tren porque temos que consensuar unha petición entre todos para decidir cal vai ser a cadencia que nosoutros imos presentar a Renfe. Basicamente queremos defender este servizo público para atender as necesidades por exemplo dos estudantes que se moven moito desde Viveiro ata Ribadeo pasando por Foz, por Burela, por Cervo, por Xove… e hai que facilitar que cheguen a súa hora para entrar en calquera dos institutos que están activos na comarca. Tamén hai que pensar na xente que ven ao Hospital da Costa para que chegue a tempo a primeira hora, e tamén nos traballadores en xeral que se moven moito pola comarca para que poidan chegar ao seu horario para entrar ao seu posto de traballo”.
Para Alfredo Llano “tamén hai unha razón que debe motivar o movemento de toda aquela xente que queira moverse dun sitio para outro na comarca para facer compras, visitas familiares ou o que sexa. Imos esixir postos de traballo para que se ocupen como deben nos trens. Hai veces que non hai revisor e consideramos que é unha parte fundamental de atención no tren. Tamén temos que estar atentos a que haxa boas máquinas e bos vagóns que se vexa que hai calidade e seguridade, e que fai a prestación dun servizo público con todas as da lei. Cara ao futuro debemos defender este servizo porque penso que vai ser moi importante para o desenvolvemento económico e social, e desde logo para o turismo vai ser unha peza fundamental”.

Exit mobile version