Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano fixo un balance moi positivo da visita cursada onte a Burela polo embaixador de Cabo verde, Manuel Ney Monteiro

Burela, 20 de novembro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, fixo unha valoración moi positiva da visita cursada onte á localidade polo embaixador de Cabo Verde en España, Manuel Ney Monteiro. O rexedor solicitoulle a creación dunha oficina, dunha extensión, da Embaixada ou do Consulado en Burela para atender os trámites da poboación caboverdiana. Alfredo Llano considera que podería funcionar con carácter temporal e está disposto a colaborar coa su posta en marcha.
O alcalde dixo que “foi unha visita moi agradable e moi positiva para o Concello de Burela, e sobre todo para os veciños caboverdianos que están vivindo no noso concello. Foi un día intenso e penso que satisfactorio en todos os aspectos. Manuel Ney Monteiro recoñeceu que fixo a primeira visita ao noso concello desde que colleu o cargo, hai tres meses aproximadamente. É moi interesante que fagan estas actividades e que se presenten á xente caboverdiana que temos no noso concello, e ven a ser unha das maiores que hai hoxe en todo o estado”. A colonia caboverdiana supón o 10% da poboación de Burela, segundo os datos facilitados polo rexedor ao embaixador.
Para Alfredo Llano “é certo que a inmigración por natureza debe sentirse moi a gusto no sitio onde está vivindo e traballando, pero tamén debe sentirse respaldada e que lle dean valor no seu país, como neste caso Cabo Verde. Que viñera aquí rapidamente despois de tomar posesión do seu cargo é algo que foi bo, e penso que vai ser moi bo no futuro tanto para o Concello de Burela como para os veciños que conforman a comunidade caboverdiana no noso concello”.
O rexedor burelés explicou que “lle fixemos un recibimento oficial no Concello, e unha petición que xa leva reclamando a xente de Cabo Verde que está en Burela e que xa lle fixéramos tamén ao presidente de Cabo Verde cando viñera no pasado mes de marzo, que é que dalgunha maneira se busque o xeito de facer unha extensión, ben do Consulado ou ben da Embaixada, para atender as necesidades que teñen os caboverdianos que están convivindo no concello de Burela, para atender temas administrativos, para temas legais ou de relación co seu país”.
Llano lembrou que “volvemos facer esa petición, estou seguro que tamén lla fixeron os propios caboverdianos, pero nosoutros como institución ofrecémonos por se houbera que ter un local ou algunha persoa que tivera que dedicarse dalgún xeito a iso, procuraríamos facilitar que desde logo se levara tamén parte desde o Concello de Burela. Xa se irá mirando un pouco o procedemento para que isto sexa unha realidade o antes posible, non ao mellor como un servizo permanente senón como algo temporal, por exemplo cada dous ou tres meses. Xa se verá, dependendo un pouco da demanda que exista desde a comunidade caboverdiana”.
O rexedor engadiu que “tamén invitamos a que viñera xente que ten negocios en Cabo Verde. Polo tanto tamén se estableceu unha relación para que se coñecera a xente que está por exemplo coa pesca, algunha empresa que está pescando por alí, algún armador, ou ben que teñen a tendencia de crear alí algunha empresa derivada da conserva de peixe por exemplo. Estivemos mirando como aumentar a relación de Burela con Cabo Verde tanto institucional como a través dos veciños e veciñas de Cabo Verde, e penso que está ben encamiñado”.
O alcalde seguiu a relatar que “despois da recepción e entrega de agasallos ás cinco da tarde o embaixador de Cabo Verde tivo unha reunión cos seus compatriotas no salón de conferencias. Estiveron de cinco a sete, moita xente e todo o mundo coas súas preocupacións que intentaron resolver. Ás sete da tarde fun buscalo para levalo a ver a ópera que tivemos ocasión de disfrutar no auditorio de Burela”.
Alfredo Llano salientou que “a visita penso que foi realmente moi positiva para ambas partes, tanto para o Concello como para a Embaixada. Como consecuencia creo que tamén saíu moi fortalecida a relación cos caboverdianos que están a convivir no noso concello. Quedamos en ter unha relación fluída a partir de agora, imos falar de vez en cando os dous, incluso quedamos de vernos en Fitur cando sexa en xaneiro e iremos á Embaixada de Cabo Verde. Estamos pensando e madurando o que podemos organizar xunto a este país. Esta é unha relación que penso que é moi importante para o Concello e para Cabo Verde, e imos intentar non soamente manter senón potenciar. Intentaremos favorecer todo aquilo que sexa bo para os nosos veciños caboverdianos, e estaremos atentos a que todo se vaia resolvendo e que sexa para ben”.

Exit mobile version