Site icon Crónica3.com A Mariña

Augas de Galicia despexou un tramo do río Nogueiras, en Viveiro, retirando árbores e vexetación que afectaban ao curso fluvial

Viveiro, 28 de novembro de 2017. A Xunta de Galicia ven de rematar traballos de conservación e mantemento do dominio público hidráulico no río As Nogueiras, á altura da parroquia de Santiago de Celeiro, en Viveiro.

As actuacións consistiron na retirada de varios exemplares de acacia, caídos ou moi inclinados sobre a canle, así como a retirada de restos vexetais, troncos e madeiras que poden afectar ao curso fluvial ou ás súas inmediacións.

Tamén se procedeu ao desbroce selectivo de masas arbóreas no entorno da ponte que afecta as parroquias de As Nogueiras e Santiago de Celeiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o obxectivo dos traballos é “favorecer a recuperación e protección do ecosistema fluvial, acondicionando os accesos e asegurando a correcta circulación das augas, sobre todo agora que chegan os meses nos que se rexistran maiores choivas”.

O delegado confirmou que nos últimos meses Augas de Galicia realizou actuacións similares de limpeza en oito ríos da comarca: no xa citado das Nogueiras e tamén no Masma, Landro, Ouro, Loureiro,Xunco, Queixoiro e Guilán.

En xeral, incidiu Balseiro, os traballos consisten na retirada de árbores e ramas caídas acumuladas no leito do río así como restos vexetais mortos, para “manter o cauce no mellor estado dende o punto de vista medioambiental e de conservación da fauna piscícola”.

Exit mobile version