Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro destaca na sede de Aspanane que a Xunta “achega os servizos ás persoas que os necesitan” mediante a colaboración coas entidades de iniciativa social

241117 AspananeViveiro (Lugo), 24 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane), e puxo de relevo a extraordinaria labor que realizan na atención ás persoas con discapacidade intelectual do municipio e doutros concellos da Mariña.

Balseiro destacou que a Consellería de Política Social contribúe con máis de 490.000 euros anuais ao financiamento do centro de día e tamén do centro ocupacional, orzamento que se destina tanto a concertar prazas como a sufragar custos de transporte dos usuarios.

“Cremos que traballar man a man coas entidades de iniciativa social optimiza os recursos públicos e achega os servizos e prestacións ás persoas que os necesitan, en calquera punto do territorio”, afirmou o delegado.

Balseiro visitou, a instancias dos responsables do colectivo, as instalacións nas que Aspanane desenvolve a súa actividade, tanto do centro de día como do centro ocupacional, nun edificio que comparte coa Escola de Idiomas.

Neste sentido, e ante o desexo expresado por Aspanane de dedicar todo o edificio a unha residencia para persoas con diversidade intelectual, o delegado reiterou a boa dispoñibilidade da Xunta para trasladar a Escola Oficial de Idiomas a outro emprazamento axeitado.

Balseiro lembrou que a Xunta asinou un convenio co concello de Viveiro para a ubicación da Escola de Idiomas nese emprazamento ata o ano 2075, pero avanzou que estudará as alternativas que propoña o Concello sobre outros edificios de titularidade municipal que poidan albergar estas ensinanzas. Do mesmo xeito, indicou que a Xunta está avaliando o seu inventario de bens e invitou á Deputación a sumarse ás propostas.

Exit mobile version