Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. A manada

A pena de banquillo é unha expresión utilizada no argot da curia xudicial para definir aquelas situacións nas que sen suficiente base legal o reo é levado ao estrado para posteriormente ser absolto.
O imputado non é, nin máis nin menos, que un individuo no que o xuíz instrutor observa indicios racionais para poder atribuírlle a comisión dun delito, iso si: coa súa presunción de inocencia intacta. Polo contrario, o condenado por Sentencia firme perdeuna para sempre.
Tres conceptos elementais: pena de banquillo, imputación e condena, para entender o que está a pasar coa Xustiza do noso tempo. Calquera de nós saberá diagnosticar moitas das súas eivas: asimetría, lentitude, falta de medios, de independencia… Agora cumpre buscar solucións.
Supoño que todos teremos a nosa cota de responsabilidade; non deixo de pensar isto cando vexo que todo o que envolve á xustiza, e a calquera outra esfera da vida se converteu nunha sorte de reality show a tempo real, nun espectáculo orwelliano.
Deste xeito todos podemos ser xuíz e parte, primeiro tocou coa mal lograda Asunta Basterra, agora tócalle a quenda á coñecida “manada” dos San Fermines e ó administrador dunha asesoría na localidade de Burela por unha presunta apropiación indebida.
Tampouco é estraño que circulen polas redes sociais os datos de identidade dalgún delincuente irreparable e perigoso que foi posto en liberdade, en advertencia clara ó resto dos veciños.
Dende unha perspectiva técnica non podo deixar de pensar na sobada Constitución; se hai un precepto que ninguén –con independencia do seu estrato social ou condición política- cuestiona é o artigo 24, a válvula mitral do que se entende por estado de dereito e base da democracia.
O citado artigo recolle o dereito ó acceso a un proceso con tódalas garantías, sen dilacións, con todos os medios de proba e a presunción de inocencia. Se o mesmísimo Satanás, o embaucador que conduce á humanidade polo mal camiño, ou Adolf Hitler, tiveran que ser axustizados nun estado de dereito primeiro terían que ser sometidos a un proceso no que prevalecera a súa defensa e rexera a súa presunción de inocencia.
Corría o ano 1981 cando o Tribunal Constitucional emitiu unha sentencia que significou un cambio substancial no proceso penal, o noso do franquismo, que brilaba pola súa falta de respecto ós dereitos fundamentais, onde se condenaba sobre a base dun atestado xudicial e o acusado carecía dende un principio do dereito de defensa.
Certo é que o noso actual sistema xudical pode ser considerado parcial, ineficiente e patriarcal; certo que a valoración da proba pode ter un sesgo; mais non deberamos pasar por alto que isto pode ser reflexo real dunha grande parte da sociedade. Algo haberá que mudar.
Agora que a xustiza está empezando a perder o pouco crédito que lle quedaba é imprescindible non esquecer o respecto polo proceso e a presunción de inocencia, doutro xeito corremos o risco de ser rebaño.

Exit mobile version