Site icon Crónica3.com A Mariña

Convocada unha gran concentración en Viveiro contra a reforma sanitaria

000000Viveiro 20-11-17. Tras case tres meses diante do Centro de Saúde de Viveiro de protestas pola reforma da lei de Saúde, convocadas pola xunta de persoal do Hospital dá Costa en Burela todos os mércores, agora Somos Unha Área Viveiro, dá un paso máis e convoca para o xoves 30 de novembro unha concentración, para frear o anteproxecto presentado polo PP de Feijóo e tratar de evitar a desaparición da área sanitaria da Mariña.

A proposta da Xunta implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela, así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña, nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, ao Hospital de Lugo para realizar probas e consultas que ate agora realizaban nas súas comarcas.

Os grandes beneficiados da reforma sanitaria impulsada polo PP son os hospitais privados da cidade de Lugo. A conta de resultados dalgúns destes centros, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela. Así, nos últimos tempos comezouse a derivar a Lugo desde Burela a implantación de marcapasos e inclusive o cambio de pilas dos mesmos, os partos de prematuros ou os múltiples, malia contar o Hospital da Costa con unidade de prematuros, a maioría das operacións de cataratas, hernias ou fimose, e as cirurxías programadas de traumatoloxía.

Somos Unha Área Viveiro realizou un chamamento á participación da poboación nesta concentración que terá lugar na Praza da Fontenova o xoves 30 de novembro ás 20,30 horas.

Exit mobile version