Site icon Crónica3.com A Mariña

Denuncian demoras de máis dunha semana nas citas para medicina de familia no centro de saúde de Viveiro

Viveiro a 16 de novembro de 2017. Andrés, veciño de Viveiro, denuncia a política destrutiva en materia de contratacións, no centro de saúde de Viveiro, caracterizada pola NON substitución das ausencias das profesionais.

Para Andrés, esta situación pon de manifesto o deterioro na calidade asistencial que se presta aos cidadáns e cidadás de Viveiro.

“Teño dereito a unha atención digna e de calidade no meu Centro de Saúde, unha atención recortada polas políticas do Partido Popular”, afirma Andrés.

Andrés denuncia que solicitou consulta para o seu médico de familia, pero ao atoparse de vacacións e non poñer substituto, déronlle dúas opcións: agardar unha semana para acudir a consulta ou acudir por urxencias.

“Despois a Xunta di que facemos un mal uso das Urxencias, cando son os seus recortes na Atención Primaria os que nos obrigan a saturar os servizos de urxencias”, sinala Andrés.

Farto dos recortes que provocan masificación de consultas, cupos profesionais por enriba do establecido, redución de profesionais, non substitucións e longas listas de espera, decide presentar unha reclamación oficial esixindo un dereito básico: o dereito a unha sanidade pública de calidade en Viveiro e anima á veciñanza a non calar e presentar reclamacións oficiais.

Exit mobile version