Site icon Crónica3.com A Mariña

Deseñadores lucenses amosarán os seus traballos na Gala da Moda, grazas á Deputación e Concello de Lugo

DSC_0032Lugo, 21 de novembro de 2017. A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto; a Concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto; e a organizadora da gala Montserrat Arias Freire, presentaron este martes, na Sala de exposicións do CENTRAD, a Gala da Moda, A Muller na Arte. Trátase do evento benéfico que organiza a Asociación de Creadores de Moda Lucenses, coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo. O desfile terá lugar o vindeiro 30 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo. Esta edición estará dedicada á figura da muller na arte, coincidindo co homenaxe que a Real Academia Galega rendeu á artista Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas. A gala é de carácter solidario pois todos os fondos recadados irán destinados á Escola Shantidi. O aforo será de 500 persoas e as entradas terán un prezo de 15 euros. No acto, tamén estiveron presentes deseñadores e artesáns participantes na gala.

García Porto explicou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos esta iniciativa co obxectivo de poñer en valor e promocionar o traballo que están realizando os deseñadores e artesáns da provincia no eido da moda, así como o labor dos perruqueiros, modelos e estilistas que participan no desfile. O éxito da industria téxtil en Galicia é evidente, pois supón o 10% do PIB galego, sendo a comunidade que máis moda exporta en toda España e facturando máis de 22.400 millóns de euros”.

A Deputada de Cultura subliñou que “estamos orgullosos de contribuír, ademais, a promover e visibilizar a través da moda a fundamental actividade que desempeñan os colectivos sociais, como é o caso da Escola Shantidi, unha asociación que traballa en prol da igualdade para mellorar as condicións de vida dos nenos e nenas e das mulleres que viven nos lugares menos desenvolvidos da India”.

Pola súa banda, Prieto González amosou o seu orgullo “por visibilizar o labor que realizan as mulleres a través deste desfile. Dende o Concello de Lugo sempre estaremos ao carón deste tipo de iniciativas que dinamizan económica, social e culturalmente a nosa cidade”.

Arias Freire agradeceu o intenso apoio da Deputación e do Concello de Lugo e destacou que “teremos o privilexio de que o desfile se celebre no Círculo das Artes, un dos entornos e espazos máis emblemáticos de Lugo”.

5 deseñadores de moda
Ata o momento, os deseñadores confirmados nesta Gala da Moda, A Muller na Arte son: Montse Arias, Sara Lage, Tina Corton, Manuela López e Epifanía Brand. Ademais, participarán varios artesáns e 16 modelos; 12 mulleres e 4 homes. O evento non sería posible sen a colaboración que prestan de xeito totalmente gratuíto e desinteresado varios colaboradores: Mikangels Model; Enigma Eventos; Ávalon Peluqueros; Mercedes Benz Ditram Automoción; Estrella Galicia; e Arenal.

Exit mobile version