Site icon Crónica3.com A Mariña

Este martes será presentado á corporación municipal, á veciñanza e aos medios de comunicación o plan especial das Catedrais

Ribadeo, 20 de novembro de 2017. Os redactores do Plan Especial das Catedrais desprazaranse mañá, 21 de novembro, a Ribadeo para ofrecer unha exposición polo miúdo deste documento.
A axenda de xuntanzas dará comezo ás 17:30 horas no salón de plenos coa Corporación Municipal ribadense. Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar unha rolda de prensa para achegar o Plan Especial das Catedrais aos medios de comunicación. E xa ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval será a exposición para a veciñanza que queira achegarse a coñecer este proxecto no que o Concello de Ribadeo leva moitos meses traballando.
O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado xoves, 16 de novembro, a súa aprobación inicial e abríase un período de 2 meses de exposición pública para o seu estudo e a posible presentación de alegacións. O alcalde, Fernando Suárez, subliñaba esa xornada que “se fai necesario ordenar todo o espazo natural da contorna das Catedrais, como se fai nos grandes centros de atracción medioambiental na Europa moderna e avanzada, onde nos queremos mirar. Iso, nin máis nin menos, é o que pretende este documento. Quere mellorar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, mellorar e regular o tránsito das vías de comunicación, dos elementos de urbanización inadecuados e dos impactos visuais notables. E tamén visto o forte incremento de visitantes que experimentou nos últimos anos, hai que ter en conta que no 2016 houbo máis de 570.000 visitantes na praia, con expectativa de maior afluencia aínda, require da instauración de medidas para garantir un modelo turístico sostible”.
De todo isto se falará nas xuntanzas de mañá, martes. O rexedor fai unha chamada á veciñanza para que se achegue ao acto que se celebrará no auditorio municipal a partir das oito da tarde.

Exit mobile version