O rexedor focego anunciou: “vimos de presentar unha edición máis das charlas médicas do Concello de Foz. Son xa máis de quince anos cun clásico no mes de novembro. Empezaremos este xoves, día 9, e son tres charlas que coinciden todos os xoves ata o día 23, na Casa da Cultura, con diferente temática. Neste caso apostamos o primeiro día polo cancro de mama, o segundo dia co cancro de colon e o último día por un tema que tamén está ao día como é o ictus”.
Javier Castiñeira quixo “darlle as grazas sempre á colaboración inestimable que temos do Hospital da Costa, de Burela, neste caso aos seus representantes: á xerente e á subdirectora médica. Sempre temos esa colaboración, creo que é unha forma de achegarnos aos nosos veciños. Para moita xente que poida ter dúbidas son temas importantes do día a día e creo que é unha colaboración entre ambas administracións fundamental para que ante todos estes problemas médicos e de saúde que moitas veces temos os veciños teñamos esa proximidade do Hospital da Costa, de Burela, proximidade dos médicos e dos especialistas que se desprazan aos sitios de residencia para humanizar un pouco a profesión e facilitarlle á xente máis información”.
O alcalde espera “ver a todos aqueles que o desexen, de Foz e das cercanías, nas charlas médicas que empezaran este xoves 9 ás 20:00 horas na Casa da Cultura”.
Pola súa banda a xerente executiva do Hospital da Costa, María José Cortés, manifestou que “o Hospital da Costa sempre está disposto a colaborar cos concellos nas labores de difusión das patoloxías máis frecuentes e de información do que hai que facer para previr e tratar precozmente as enfermidades”.
A xerente detallou que “este ano os temas que escollemos son sobre todo de prevención. Imos falar o día 9 na primeira charla, impartida pola doutora Sara López, unha das cirurxías do Hospital da Costa, que vai falar do cancro de mama e vai estar centrada na patoloxía do cancro de mama no varón. Digamos que é case un gran descoñecido porque sempre falamos desta patoloxía na muller pero tamén hai cancro de mama no varón. O seguinte tema será o xoves 16, vai impartilo o doutor Pablo Ventura, un dos internistas do Hospital da Costa, e vai falar do cancro de colon, centrado tamén na detección precoz. Agora recentemente estase a implantar o programa de detección precoz de cancro de colon, que vai empezar a funcionar na Mariña e imos coñecer este programa, en que consiste e cales son os síntomas de alarma para poder previr e detectar precozmente esta enfermidade. Por último o xoves 23, imos contar coa presenza do doutor Carlos Nieto, que é un dos médicos da UCI do Hospital da Costa e que nos vai falar do ictus. Tamén é un tema de gran importancia, a poboación ten que coñecer cales son os síntomas iniciais para poder actuar de forma precoz e poder tratalo nas primeiras horas”.
María José Cortés engadiu que “estes son os temas que escollemos para estas xornadas neste ano 2017 e esperamos que sexan de interese para todos. Os profesionais que os prepararon están moi ben formados nestes temas e eu creo que van facer unha exposición atractiva para todos os asistentes”.