Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz celebra a Festa da Palabra

Foz 21-11-17. A Asociación Socio Cultural A Pomba do Arco vai organizar o 28, 29 e 30 de novembro unha nova edición da Festa Palabra, encontro literario musical arredor da poesía, que tenta achegar a creación literaria ao grande público e de xeito moi particular unha linguaxe minorizada como é a linguaxe poética. A Festa da Palabra, recuperada felizmente vai para dous anos, após unha paréntese de 14 anos, celebrarase na salón de actos do CENIMA de Foz, comezando os recitais ás 20:30.
Os actos arrancan o martes 28 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz cun recital a cargo do escritor Manuel Rivas, unha das voces máis recoñecidas e poderosas da literatura galega contemporánea. Manuel Rivas é autor dun amplísima obra literaria no noso idioma, parte da cal foi traducida a máis de 20 idiomas, entre os que se atopan o español, o francés, o inglés, o ruso, o turco, o grego ou o croata. Alén dos seus títulos no ámbito da narrativa, no campo da poesía publicou entre outros, Libro de Entroido, Balada nas praias do Oeste, Ningún cisne, Costa da morte blues, A desaparición da neve, A boca da terra, O pobo da noite ou Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003, que significa a edición completa da súa obra poética anterior a 2003. Asemade mereceu os máis importantes galardóns da nosa literatura, como o Premio Leliadoura o da Crítica española e galega, o Lousada Diéguez, o Anxel Casal, o Torrente Ballester ou o nacional de literatura.
O mércores 29 de Novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz recitará os seus versos o poeta e xornalista Daniel Salgado, unha das voces novas máis recoñecidas da poesía galega. Xornalista de profesión, especializado no xornalismo cultural, colaborou en diversas publicacións galegas como Dorna, A trabe de ouro, A Nosa Terra ou Sermos Galiza, tendo incursionado tamén no espazo do cine, como coautor do documental O rio é noso, e no da musica, facendo parte do grupo de rock Das Kapital. É autor de poemarios como Sucede, Días no imperio, Os poemas de como se rompe todo, Ruído de fondo ou Dos tempos sombrizos, colaborador en libros colectivos como Novas de poesía. 17 poetas, Letras novas ou Versos de cianuro e traductor ao galego de poetas estranxeiros como Allen Gisberg. Asemade acadou diversos premios poéticos como o Esquío, o Gonzalo López Abente ou o Uxio Novoneira.
O actos fecharanse o xoves 30 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz co recital doutra poeta nova, cuxo último poemario rematou por converterse no suceso editorial galego de 2016 e 2017. Nada no lugar de Beluso (Bueu) en 1982 deuse a coñecer en 2012 tras gañar o premio Galiza crea co poema “Novecomaoito” ao que segiría nos anos seguintes cos premios Premio Rosalía de Castro de Cornellá con poemas “Decibel” e “Ruído”. É autora dos poemarios Deshabitar unha casa e Nomes de fume, cunha portada do artista plástico mariñao Daniel Caxigueiro e que rematou por converterse no libro de poesía en galego máis vendido de 2017. Ao tempo mereceu algún dos máis importantes premios da nosa poesía como o Francisco Añón, Pérez Pallaré ou Manuel Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, co seu poema “Tacto”.

Exit mobile version