Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia contará en 2018 cun observatorio dos ríos para poñer en valor o estado ambiental, económico e social dos leitos fluviais

Lugo, 9 de novembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia contará, no primeiro semestre de 2018, co Observatorio Autonómico dos Ríos que permitirá avaliar e poñer en valor os estado ambiental, económico-social e cultural dos leitos fluviais da Comunidade, así como elaborar informes e estudos nos cales se recollan as políticas autonómicas para a súa promoción e valorización.

Durante o acto de inauguración das obras de ampliación e reforma do Club Fluvial de Lugo, Feijóo explicou que este órgano actuará ademais como foro de encontro interdisciplinar entre os organismos públicos e a sociedade civil e do coñecemento, unha colaboración que permitirá obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos.

Nesta liña, salientou que o Club Fluvial de Lugo soubo, desde a súa fundación hai 82 anos, ver as oportunidades que ofrecía o río Miño, tanto no eido das actividades deportivas –piragüismo, natación e tríatlon-, como no relativo a actividades culturais.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que se hoxe Galicia pode presumir do piragüismo galego é grazas, en parte, ao traballo de agrupacións como o Club Fluvial, cuxa sección de piragüismo é a máis antiga de Galicia e unha das tres máis antigas de España.

Así mesmo, destacou, entre outras, a traxectoria de piragüistas como Modesto Teijeiro Valledor, Luis Gregorio Ramos Misioné, Cristian Isaac Toro, Chilares ou Pedro Cuesta. “O percorrido deportivo destes piragüistas amósanos a importancia que ten o piragüismo en Galicia e, en concreto, na cidade de Lugo”, abundou.

Por último, o presidente da Xunta resaltou que o Club Fluvial de Lugo é un dos colectivos con maior arraigo e identidade da cidade, tanto pola súa traxectoria e o seu elevado número de inscrito, que na actualidade supera as 14.500 persoas entre socios titulares e beneficiarios, como polo seu carácter aberto e inclusivo, xa que sempre tivo as portas abertas a toda a cidadanía.

Exit mobile version