Nos cursos, impartidos por membros da Sociedade Micolóxica Lucus, ofreceuse unha visión e descrición sobre os principais cogomelos cos que conta Galicia, achegando coñecementos básicos sobre as súas características ecolóxicas, para poder realizar unha correcta identificación e previr futuras intoxicacións polo seu consumo.
Fernández Queipo subliñou que “dende o Executivo Provincial continuamos impulsando o estudo dos recursos naturais que hai na provincia co obxectivo de poder empregalos para ampliar a oferta turística e económica lucense. Durante os últimos anos, ten aumentado moi notablemente o interese polo aproveitamento micolóxico, debido á súa importancia ecolóxica, nutricional, gastronómica e, ademais, lúdico turista. Con estas xornadas que organizamos Deputación e a Sociedade Micolóxica Lucus, os participantes coñeceron in situ, a riqueza e a diversidade de especies de cogomelos coas que contamos na nosa provincia.”
Sociedade Micolóxica Lucus
A Sociedade fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía, cumpríndose ao fin un anhelo que tiñan moitos afeccionados en Lugo desde facía anos: unha asociación que canalizase todas as súas inquietudes no ámbito da micoloxía. Os obxectivos deste colectivo son fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía. Un labor fundamental para fomentar a protección destas variedades micolóxicas e, sobre todo, evitar as intoxicacións por inxesta. O profesor é o presidente da Sociedade, Julián Alonso, Doutor en Ciencias Biolóxicas e experto micólogo, impartiu máis de 160 cursos, xornadas e conferencias ao longo da súa carreira.