Site icon Crónica3.com A Mariña

Matrioshka Teatro chega a Ribadeo con Manawee

Ribadeo 17-11-17. A compañía compostelá presentará o seu segundo espectáculo, recoñecido cun Premio María Casares na edición de 2016, o vindeiro domingo 19 de novembro ás 17.30h. no Auditorio Municipal Hernán Naval.
Matrioshka Teatro, a compañía de Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo, iniciou a súa andaina co espectáculo C’est la vie, estreado en 2013 baixo a dirección de Marta Pazos. En 2015 lánzase á produción dunha segunda montaxe, Manawee, dirixida por Uxía P. Vaello na que falan dese momento da infancia no que as cousas están a piques de cambiar para sempre.
Manawee é un espectáculo recomendado para público a partir de 8 anos onde cativos e adultos se emocionan, rin e se decatan de que esas cousas que sempre creron que só lles pasaban a eles, son compartidas. O público descobre un espectáculo de creación contemporánea sobre o concepto fundamental da emoción que pon o foco neses momentos de cambio na vida polos que pasamos inevitablemente.
Manawee estreouse en outubro de 2015 e, ata a data, puido ser vista xa por milleiros de espectadores que louvan o espectáculo pola súa forza, audacia e alegría.
Amáis da opinión entusiasta do público, Manawee foi merecedora de catro nomeacións aos Premios de teatro María Casares na súa pasada edición, unha delas para o traballo de maquillaxe da boirense Trini F. Silva. Na gala de entrega dos premios celebrada o pasado mes de marzo recibiu o recoñecemento á Mellor música orixinal composta por Mónica de Nut, Vadim Yukhnevich e Javi Bermejo.
O domingo 19 de novembro quen se achegue ao Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo embarcarase nun proceso de descubrimento en compañía, nunha viaxe ao corazón dos sucesos de todos os días, nunha ollada con lupa ás cousas que pasan nunha etapa de grandes cambios. Nunha exploración do que é, probablemente, o primeiro deses momentos de inflexión dos que somos realmente conscientes. As artes de Manawee transportan ás espectadoras e espectadores nunha peza de teatro chea
de humor e poesía na que as súas preocupacións esenciais se debuxan con cores moi
diferentes ás vistas ata o momento.
O misterio do teatro cos seus escondites, a tramoia á vista, as tripas do escenario visibles para
o público… o espazo do teatro, coma o interior de cada unha de nós, irase desvelando.

Ficha artística:
Intérpretación: Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo
Dirección e dramaturxia: Uxía P. Vaello
Axudantía de dirección: Borja Fernández
Texto: Lorena Conde
Deseño de vestiario: Uxía P. Vaello
Xastrería: Vaello
Coreografía: Uxía P. Vaello
Música: Mónica de Nut; Javi Bermejo; Vadim Yukhnevich
Escenografía e atrezzo: Lorena Conde [Maraña]
Maquillaxe e perruquería: Trini F. Silva
Iluminación e son: Javier Quintana
Fotografía: Inés Salvado
Vídeo: Vemo.TV
Deseño gráfico: Lorena Conde [Maraña]
Produción: Anabell Gago e Belém Brandido
Distribución: Chelo do Rejo e Anabell Gago

Exit mobile version