Site icon Crónica3.com A Mariña

Miguel González Montes novo coordinador provincial das XSG de Lugo

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017. As Xuventudes Socialistas da provincia de Lugo proclamaron onte no concello de Guitiriz a Miguel González Montes como coordinador provincial.
O novo líder provincial comezou o seu discurso dando as grazas a todos e todas as militantes e recoñecendo o traballo das agrupacións durante a súa anterior lexislatura. Porén, González Montes calificou de necesario “seguir traballando non só de portas para dentro, senón que debemos estar na rúa xunto co resto de mozos e mozas que nos precisan”.
“É certo que no último ano e medio, a nosa organización sufriu moitos procedementos orgánicos necesarios para o seu funcionamento” pero “non debemos esquecernos da importancia que temos fóra” sentenciou o vilalbés.
González Montes afirmou que “a mocidade galega non se ve representada polas políticas do Partido Popular” polo que “nós somos os que temos que darlle esa resposta de esquerdas ca que si se identifiquen”.
Na mesma liña, o secretario xeral das XSG, Nabor González, insistiu na necesidade de “achegarse a cada mozo e moza que se ve atacado na súa vida cotiá polas políticas neoliberais do goberno de Feijóo” e ser capaces de “facer pedagoxía coas nosas ideas e demostrar, unha vez máis, que os socialistas temos unha resposta, unha alternativa ó desleixo da dereita”.
Para concluír, o Secretario Xeral afirmou que “debemos sentirnos orgullosos e orgullosas de ser socialistas e non deixarnos intimidar polos partidos da suposta nova política” pois “as XSG non ten que ser nova política, senón a política dos novos e novas”.

Exit mobile version