Site icon Crónica3.com A Mariña

No pleno ordinario da mancomunidade de municipios da Mariña do 11 de decembro abordaranse cuestións como os orzamentos de 2018, o transporte de viaxeiros ou a loita contra a velutina

A Mariña, 29 de novembro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno ordinario o vindeiro 11 de decembro. Na sesión, que posiblemente terá lugar en Ribadeo, abordaranse temas como os orzamentos para o vindeiro ano, o transporte de viaxeiros e os horarios dos trens de cercanías, ademais da loita contra a velutina e a participación nos premios Coopera.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, comentou que “o próximo día 11 de decembro imos celebrar un pleno ordinario da Mancomunidade que posiblemente fagamos en Ribadeo. Temos que aprobar o orzamento do ano 2018 e tamén temos que falar de temas de turismo”.
Llano explicou que “coa relación extraordinaria que estamos tendo en cuestións económicas, de patrocinio e de correspondencia na responsabilidade de promover o turismo coa Axencia Galega de Turismo, imos falar dos orzamentos que nos corresponden e que estamos á espera de ver canto é para o ano 2018 e 2019”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “imos falar tamén da velutina porque hai unha asociación de apicultores que está moi preocupada dos estragos que está facendo este insecto nas colmeas e que está producindo unha situación dramática na produción de mel. Van buscar a colaboración da Mancomunidade. Nosoutros xa lles dixemos que íamos colaborar porque temos algún tema avanzando en tratamentos para esquivar a velutina. Van facer unha petición de colaboración cun convenio con eles e imos levalo adiante case con toda seguridade”.
Alfredo Llano adiantou que “imos falar do tren, dos horario do tren de cercanías, e imos falar do transporte de viaxeiros. Tamén imos falar de Fitur, e dos premios Coopera porque imos solicitar a participación nestes premios que xa temos gañado hai dous anos, imos insistir porque é unha maneira boa de colaborar con asuntos que poidan interesar de forma global e ao mesmo tempo dar a coñecer a nosa comarca”.

Exit mobile version