Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova Escola Galega organiza a I Xornada da Terra de Miranda

A Pontenova 20-11-17. Esta xornada insírese nos ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL, iniciativa de Nova Escola Galega que comezou en 2006, ano a partir do cal se desenvolveron edicións en Santiago, Chantada, A Capela, Boimorto, Allariz, Devesos-Ortigueira, Granxa Barreiros-Sarria, Samos, Cervantes, Sedes-Narón…, e que retoman a xeira doutros catro Encontros realizados nos últimos anos oitenta.

Estes foros pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego.

Preténdese realizar unha análise da situación do medio rural e debater alternativas encamiñadas á elaboración dun plan global de desenvolvemento, constituírse como punto de encontro de todas aquelas persoas interesadas polo presente e polo futuro do medio rural e da súa educación, e presentar alternativas e experiencias de desenvolvemento comunitario, cultural e educativo, centradas no medio rural.

A xornada iniciarase ás 10 da mañá do sábado 25, cun bloque titulado O rural na encrucillada -que abordará de maneira xenérica os ámbitos socioeconómico, educativo e cultural do rural- e do que se encargarán Mar Pérez Fra (profesora da USC – Campus de Lugo), Francisco Candia (profesor da USC – Campus de Lugo) e Paco Veiga (profesor mirandés).

Ás 12:30, e baixo o título Xuntámonos?, desenvolverase unha mesa redonda sobre o asociacionismo no rural, coa intervención de Xosé M. Felpeto (AV Cabreiros-Xermade), Francisco J. Rois (CIT da Pontenova), Pedro Castañal (AC Arrincadeira-Riotorto), Carlos Veiga García e Antonio Abraira Castro (AV da Órrea).

Xa na sesión da tarde, ás 16, representantes do concello falarán sobre A Pontenova: unha visión, dende a perspectiva municipal. A seguir, haberá dous bloques de comunicación de experiencias, na que participarán: Camino Pereiro (Educar no rural dende unha perspectiva de futuro: o PEC do CPI Plurilingüe Virxe da Cela-Monfero), Anxo L. Eiriz (ARC dos Amigos/as de Santa Comba da Órrea), Manuel Valcárcel Lastra (Recursos turísticos e arqueoloxía da Pontenova – SDC. Albións), Jorge Gómez Rico (A escola de teatro da Pontenova), María García Jartín (AC Avelino Díaz da Órrea, Riotorto e Meira), Monse Fernández (Casa do Fidalgo, O Machuco, A Pontenova), María José Fernández (As que voltaron: retorno ó punto de partida) e Celtia Traviesas (O mundo rural como inspirador de alternativas fronte ao capitalismo).

A xornada clausurarase ás oito da tarde coa presenza dos alcaldes dos concellos da Pontenova, Riotorto, Meira e da alcaldesa de Trabada. Como peche final haberá un concerto d’A banda da Loba, un grupo de cinco mulleres que acaban de presentar un videoclip (Videoclip: https://www.youtube.com/watch?v=eKTS9mBGe2A) -dirixido polo recoñecido cineasta Alfonso Zarauza- dunha das pezas do que será o seu primeiro disco, Bailando as rúas, repertorio que tocarán en primicia para esta actividade, xa que a presentación oficial do disco será o vindeiro día 8 de decembro en Santiago.

Exit mobile version